Arte para concienciar contra a fame e a malnutrición no noso planeta

41
  • Unha exposición instalada na rúa Daniel de la Sota visibiliza a problemática da fame no mundo a través de obras pertencentes a Carmen Hermo, Gosia Trebacz, Isabell Seidel, Yolanda Dorda, Isabel Pintado, Xulio García Rivas, Alfonso Costa, Ricardo de Campos, Fiz Valcárcel e Antón Sobral

Os concelleiros socialistas Marcos Rey e Iván Puentes participaron esta mañá na rúa Daniel de la Sota no acto inaugural da exposición Fame Cero 2, que contou coa presenza do seu comisario, Antón Sobral. A mostra de rúa, composta por cinco cubos, ten o obxectivo de facer visible a problemática da fame no mundo a través de obras pertencentes a dez prestixiosos artistas galegos, incluíndo lemas que reflicten a existencia de malnutrición no noso planeta: ademais dunha do propio Sobral, protagonizan a mesma creacións de Carmen Hermo, Gosia Trebacz, Isabell Seidel, Yolanda Dorda, Isabel Pintado, Xulio García Rivas, Alfonso Costa, Ricardo de Campos e Fiz Valcárcel.

A exposición conta co respaldo da Concellería de Benestar Social, que dirixe Marcos Rey, e enmárcase dentro do programa de actividades de sensibilización e visibilización impulsadas polo seu departamento con motivo do Día Mundial da Fame e a Nutrición, cuxa conmemoración (28 de maio) se adianta este ano para non coincidir coas eleccións municipais. Tal e como subliñou Rey, “a través desta iniciativa búscase que a cidadanía lembre a existencia dunha realidade tamén existe en Pontevedra e da que nos esquecemos no noso día a día, que é o problema da fame e as desigualdades”. “Ademais de desenvolver políticas públicas para atallalas -apuntou o edil do PSOE-, é a nosa responsabilidade implementar accións para que a veciñanza tome conciencia e dea un paso adiante na loita contra estas inxustizas”.

Homenaxe ao pai Gonzalo Diéguez e a tódalas persoas e entidades que traballan para que non haxa fame en Pontevedra

Marcos Rey quixo aproveitar o acto inaugural da mostra para render unha homenaxe “a toda esa xente e entidades que traballan para que non haxa fame en Pontevedra, e máis en concreto ao pai Gonzalo Diéguez, que acaba de falecer recentemente e que fixo posible que o comedor de San Francisco ofreza nestes momentos comida a unhas 150 persoas”. “Desde o Concello -engadiu- tamén estamos protexendo a unhas 96 familias (uns 300 cidadáns), apoiándoas nas necesidades que teñen”.

Antón Sobral tamén incidiu no importante papel de persoas como o pai Gonzalo e precisou que “aínda que os textos falan da fame a nivel mundial e nos lembran que hai fame en Somalia, non esquecen que tamén hai fame en Galicia e en Pontevedra: hai moitísima xente que pasa fame aquí e tamén moitísima xente solidaria”. “Xa non é noticia que a xente morra de fame -apuntou Sobral- e a fame é o grande problema mundial. Parece mentira, porque calquera estudoso sabe que no mundo se produce o dobre de comida da cantidade que os seus habitantes precisan para vivir e, sen embargo, hai 800 millóns de persoas que pasan fame diaria”.