O Concello volve reclamarlle á APLU que avance e obrigue a cumprir a sentenza sobre o desguace ilegal de Marcón 

43
A veciñanza da zona segue en contacto co Concello a delicada situación dalgúns vehículos, amontoados sen xeito ao carón da vía pública  

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu en rolda de prensa na mañá deste luns, 13 de marzo, para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos puntos incluídos na orde do día, a edil subliñou outras cuestións tratadas durante a xuntanza, como foi a de realizar unha nova reclamación e pedirlle á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) que, «por favor», solucione a problemática existente ao redor da acumulación de residuos «nomeadamente vehículos en estado deplorábel» noba parroquia de Marcón.

«É un tema que vén de lonxe, xa falamos moitas veces desta cuestión e tiñamos un compromiso coa APLU para solucionar este problema, ao sabermos que se puxeran en contacto cos responsábeis deste desguace ilegal», indicou Gulías. «Tiñan un prazo, en teoría, que remataba o 9 de xaneiro para facer efectiva a sentenza e desprazar estes vehículos e acondicionar o lugar. A situación segue igual, concedéuselles un novo prazo que non sabemos cando remata, pero está claro que seguimos nas mesmas».

A concelleira sinalou que varios pais e nais do colexio de Marcón se puxeron en contacto co Concello para trasladar a súa preocupación e que «vai máis alá da propia situación do desguace e da situación deste, xa que sinalan o risco de caída de vehículos sobre a vía pública». «Xa é unha cuestión que nos preocupa a todos, pero en especial ao alcalde, que mantivo conversas co responsábel da APLU para instarlle a que resolva esta problemática».