Benestar Social desenvolve Obradoiros de Educación para a Saúde e de Prevención de Condutas Aditivas en 18 centros educativos de Primaria e 12 institutos de Pontevedra

38
  • O socialista Marcos Rey participou esta mañá no IES Valle-Inclán nunha das sesións deste programa, posto en marcha o pasado mes de febreiro en colaboración coa Consellería de Sanidade, destinado a estudantes de 1º a 4º da ESO e ciclos de FP e no que se traballan tanto adiccións a substancias, como o tabaco, o alcohol ou o cánabo, como aquelas comportamentais, vencelladas a Internet, uso do móbil, xogo online, apostas ou compras impulsivas
  • As actividades organizadas polo Concello para alumnos de 5º e 6º de Primaria permiten abordar cuestións como as habilidades sociais, a resolución de conflitos, a educación emocional e o bo uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)

O concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, participou esta mañá no IES Valle-Inclán nunha sesión dos Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas impulsados polo seu departamento para o curso 2022-2023, organizados en colaboración coa Consellería de Sanidade e destinados a estudantes de 1º a 4º da ESO. Nestes talleres, postos en marcha en febreiro e desenvolvidos en cinco sesións de 50 minutos por aula, trabállanse tanto adiccións a substancias, como o tabaco, o alcohol ou o cánabo, como outras de carácter comportamental, vencelladas a Internet, o uso do móbil, o xogo online, as apostas ou as compras impulsivas.

En paralelo, o departamento que dirixe Rey tamén está a impartir desde o pasado mes uns Obradoiros de Educación para a Saúde destinados a alumnado de 5º e 6º de Primaria, nos que, a través de dúas sesións de 100 minutos de duración por cada aula, abórdanse cuestións como as habilidades sociais, a resolución de conflitos, a educación emocional e o bo uso da Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Segundo indicou o concelleiro do PSOE, “o programa rematará en xuño e neste curso están a participar nos obradoiros 18 centros educativos de Primaria con 59 aulas e 12 institutos e centros de FP con 141 aulas”.

“Tódalas sesións dos Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas inclúen dinámicas participativas, están adaptadas á idade dos rapaces -apuntou Marcos Rey- e nelas téntanse desmontar mitos, analízanse os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas e trabállanse as consecuencias do consumo ou mal uso, reforzando a actitude crítica para facer fronte á presión grupal. Os encargados de impartilas son educadores/as expertos en prevención de condutas aditivas e cunha grande bagaxe no traballo grupal”.

Tal e como subliñou Rey, “esta non é unha intervención illada, senón que dende o Plan Municipal de Prevención Condutas Aditivas tamén se organizan Escolas de Familia e Prevención a través do cinema, para tentar chegar deste xeito a toda a comunidade educativa cunha perspectiva integradora”.