Iván Puentes denuncia ataques vandálicos “semanais” contra a exposición Pontevedra Flúe e advirte de que “ningún deles quedará impune”: varios dos autores identificados xa teñen unha denuncia penal pola que se enfrontan a unha multa de 30.000 euros

27
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lémbralles que “pese á sensación de impunidade que a nocturnidade e as substancias festivas lles poidan facer sentir a estes descerebrados, todos estes atentados contra o patrimonio foron captados por diversas cámaras de vixilancia e mesmo hai quen foi tan avispado como para alardear da ‘gamberrada’ nas súas redes sociais”
  • Para o portavoz municipal do PSOE, “só hai dúas opcións: ou esta mostra se converteu en obxecto de desexo por parte de todo canto salvaxe hai, ou quenes están a perpetrar os ataques o fan de xeito orquestrado e con instrucións moi concretas”

Os actos vandálicos contra a exposición itinerante da estratexia Pontevedra Flúe, na Ponte do Burgo, estanse a converter nun hábito que se repite cada fin de semana. Cubos pateados derrubados, pateados, queimados, completamente esnaquizados, arrastrados desde a Ponte do Burgo ata as inmediacións do campo de fútbol de Pasarón e mesmo lanzados a augas do Lérez (obrigando a actuar aos Bombeiros para recuperar as pezas), conforman o lamentable balance de vandalismo que a mostra está a padecer, en especial tralas noites de festa.

Así o denuncia o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen lles lembra a “estes descerebrados que, lonxe de tratarse de simples gamberradas, estes actos de salvaxismo supoñen un ataque contra o patrimonio penado con substancias multas económicas e que en ningún caso vai quedar impune”. Tal e como subliña o concelleiro socialista, ao tempo que a Policía Local xa investiga a autoría dos actos acaecidos durante a pasada noite, co completo derrubamento de dúas columnas de cubos, “o excelente traballo realizado polos axentes municipais xa lles está a pasar factura, literalmente, a varios dos supostos causantes: hai varios membros dun grupo de rapaces, con maiores de idade e algún menor, que ademais de destruír a exposición tamén queimaron contedores e que se enfrontan a unha denuncia penal nos Xulgados e a unha multa de 30.000 euros por danos e prexuízos; e outros dous maiores de idade que rebentaron unha torre e que arrastraron un cubo pola beirarrúa ata Pasarón, para os que xa se remitiu á Subdelegación do Goberno unha proposta de sanción administrativa de entre 600 e 3.000 euros cada un”.

Puentes lémbralles aos vándalos que “pese á sensación de impunidade que a nocturnidade e as substancias festivas lles poidan facer sentir a estes autores, todos estes atentados contra o patrimonio foron captados por diversas cámaras de vixilancia e mesmo hai quen foi tan avispado como para alardear da ‘gamberrada’ nas súas redes sociais, facilitando moito as tarefas de identificación por parte da Policía”. Para o portavoz municipal do PSOE, a reiteración e inquina nos ataques contra esta mostra dificilmente pode ser explicada como un feito illado. “Só hai dúas opcións: ou esta mostra se converteu en obxecto de desexo por parte de todo canto salvaxe hai, ou quenes están a perpetrar os ataques o fan de xeito orquestrado e con instrucións moi concretas”, subliña o concelleiro, quen reitera que “de calquera modo, a ningún deles lle vai saír gratis”.