O Día Mundial da Narración Oral tamén terá celebración en Pontevedra cunha mestura única de contos e jazz pola rúa 

52
O Concello promove e colabora xunto con Sete Falares na celebración deste día propoñendo varias actividades para o vindeiro luns, 20 de marzo
O Hospital de Montecelo, o Hospital Provincial e o Hospital do Salnés acollerán diversas sesións de contacontos en exclusiva para os doentes dos centros 

A concelleira de Festas, Carme da Silva, compareceu o venres, 17 de marzo, en rolda de prensa para presentar o programa especial promovido polo Concello de Pontevedra e Sete Falares co gallo do Día Mundial da Narración Oral, que será celebrado o vindeiro luns, 20 de marzo.

«É un día moi especial. Comeza unha nova estación e ademais é o Día Mundial da Narración Oral, que se celebra desde os anos 90 en Suecia, e que logo se estendeu por todo o mundo, conmemorándose en moitísimos estados do globo, incluíndo, a nosa cidade. Ten por obxectivo reivindicar a arte da narración oral, unha arte que na Galiza ten unha tradición moi importante, máis aínda en Pontevedra, unha zona onde contamos cunha potencia especial e moitísima tradición», indicou a edil.

Da Silva lembrou que o municipio posúe un gran número de persoas e grupos que se adican, durante todo o ano, facer actividades para reivindicar esta arte, e así gozar durante todos os meses da mesma. Distintas cidades e vilas acollerán actividades este 20 de marzo, Pontevedra entre elas. Son diferentes colectivos os que promoven estas actuacións, como Atlántica, Falando a boca chea ou, como no caso de Pontevedra, Sete Falares

«É un orgullo para o Concello poder participar e colaborar desta actividade da man de Sete Falares, que ano tras ano, verán tras verán, nos fan gozar nos distintos espazos públicos da cidade da narración oral galega», sinalou a concelleira. 

Así, o día 20 de marzo promete ser un día intenso xa desde a mañá, coa lectura de contos solidarios nos hospitais de toda a área sanitaria de Pontevedra, tanto para público infantil como adulto. Pola tarde haberá sesións itinerantes acompañadas de música por distintos lugares da Boa Vila —principalmente na Peregrina—, para logo, ás 20.30 horas contar con Celso Fernández Sanmartín en Santa Clara. 

Unha das artífices de Sete Falares, Tareixa Alonso, apuntou máis polo miúdo as actividades preparadas para a nomeada data, mais tamén quixo deixar constancia que a narración é a arte máis antiga do mundo, «a arte da palabra»:

  • 10.00 horas – Bea Campos no Hospital de Montecelo (só para usuarios do centro)
  • 11.00 – Raquel Queizás e Carmen Domecq no Hospital Provincial (só para usuarios do centro)
  • 12.00 – Soledad Felloza no Hospital Provincial (só para usuarios do centro)
  • 13.00 horas – Quico Cadaval no Hospital Provincial (só para usuarios do centro))
  • 12.00 – Olga Abad no Hospital do Salnés (só para usuarios do centro)
  • A partir das 17.30 horas polas rúas do centro da cidade a Street Band de Jazz de Pontevedra acompañará a Polo Correo do Vento, a Bea Campos de Migallas e Xacobe Tareixa de Pavís Pavós. Partirán da Casa Consistorial até chegar á Peregrina
  • 20.30 horas – Sesión de contos da man de Celso Fernández Sanmartín

Por último, na Galiza, xunto coa celebración do Día Mundial da Narración Oral, crease un manifesto de seu anual, que neste caso foi escrito por José Campanari, contador xa retirado, «que nos fixo unha reflexión moi linda sobre a narración oral e a súa arte». E, por suposto, Sete Falares retornará no verán, adiantando o futuro a curto prazo.