A Parda celebrará a chegada da primavera cunha gran festa organizada pola Asociación de Profesionais e Pequenas Empresas do barrio e a Concellería de Promoción Económica

79
  • Entre as actividades previstas para este sábado 25 de marzo inclúense un desfile de moda, exhibicións de taekwondo, voos de drons, obradoiros infantís, unha scape room ao aire libre, inchables e un mercadillo solidario
  • Ademais, a Festa da Primavera, que se desenvolverá nas prazas da Cítara e de Fermín Bouza Brey, no Parque dos Soutos e na rúa Pintor Laxeiro, tamén ofrece promocións especiais nos establecementos adheridos durante toda esta semana

Unha grande Festa da Primavera, cun desfile de moda, exhibicións de taekwondo, voos de drons, actividades infantís, inchables, un mercadillo solidario e mesmo unha scape room ao aire libre, celebrará esta fin de semana na Parda o cambio de estación. O evento, organizado pola Asociación de Profesionais e Pequenas Empresas do barrio en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a Federación Rías Baixas, desenvolverase durante toda a xornada do sábado 25 de marzo, desde as 10:00 ata as 23:00 horas, se ben os establecementos comerciais adheridos ao colectivo disporán de promocións especiais durante todos estes días.

Os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes serán os encargados de abrir o programa de actividades na Praza da Cítara cun descurso inaugural que coincidirá coa apertura, neste mesmo espazo, dun mercadillo solidario impulsado polos colectivos Os Palleiros, Difusión Felina e Boa Vida (que estará aberto ata as 21:00 horas). A partir das 11:00 horas impartirase nas instalacións de Vera Vidal Yoga un taller de Ioga para Adultos dunha hora de duración, cun aforo de 12 prazas e con inscricións a través do email info@veravidalyoga.com. A esta mesma hora tamén dará comezo na Praza da Cítara unha exhibición de taekwondo a cargo de Polc TKD e ás 11:30 horas iniciarase na Praza de Fermín Bouza Brey un obradoiro de flores no que se exhibirá un mural de primavera (ata as 13:30 horas).

“Todos aqueles que se acheguen ata Pintor Laxeiro entre as 12:00 e as 14:00 horas poderán desfrutar de xogos tradicionais familiares, mentres que, de 12:30 a 13:00 horas, o local de Vera Vidal Yoga acollerá un taller de Ioga para a Cativada, cun máximo de 8 prazas (inscricións en info@veravidalyoga.com)”, explica Yoya Blanco.

Xa pola tarde, celebraranse na Praza de Fermín Bouza Brey, entre as 16:00 e as 18:00 horas, uns talleres de Pintacaras, podendo desfrutar a rapazada dos inchables en Pintor Laxeiro entre as 16:30 e as 19:30 horas. O colectivo Boa Vida protagonizará un desfile de moda na Praza da Cítara de 17:00 a 18:00 horas e a firma Gaelic GP realizará voos de drons júnior no Parque dos Soutos entre as 17:00 e as 20:00 horas.

A partir das 18:00 horas haberá actividades de tiro con arco e slack line en Pintor Laxeiro, desenvolvéndose entre as 18:30 e as 20:00 horas unha scape room por diferentes prazas do barrio. “Chegadas as 19:30 horas -apunta Yoya Blanco- comezará en Pintor Laxeiro un fin de festa con comida e bebida a prezos populares e música a cargo de Disco Móvil Universe. O programa da Festa da Primavera pecharase ás 23:00 horas. Tódalas súas actividades son de balde, con excepción da comida e a bebida”.