As galletas, protagonistas nunha nova fin de semana de Ganapán

45
  • O programa de lecer infantil pecha o mes de marzo ofrecendo tamén a oportunidade de elaborar uns ramos de flores e uns superheroes e superheroínas de pau

A rapazada de entre 4 e 10 anos de Pontevedra ten esta fin de semana máis unha nova cita no Mercado de Abastos, onde desenvolverá outra quenda de talleres do programa de lecer infantil O Ganapán, a iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe Yoya Blanco. Nesta ocasión, serán as tradicionáis maruxas de nata, xunto cuns ramos de flores primaverais, os que dean a benvida á primavera na primeira xornada de actividades que se celebrará o sábado 25 de marzo. Para a do domingo 26 están previstos uns talleres de elaboración de galletas red velvet e de confección duns superheroes e superheroínas de pau para encandilar aos nenos e nenas.

As actividades comezarán, como xa é costume neste programa, ás 11:30 horas, concluíndo ás 13:30 horas, tanto o sábado coma o domingo. A concelleira de Promoción Económica sinala que tódolos rapaces e rapazas que queiran participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando na mensaxe as posibles alerxias e intolerancias de cada quen, e recorda a tódolos pequenos asistentes que “non esquezan a friameira para poder levar ás casas as deliciosas receitass que aprenderán a facer nesta fin de semana inaugural da primavera”.