Promoción Económica e a asociación cultural Inzar poñen en marcha un taller de Teatro Espontáneo para mellorar as relacións sociais 

87
  • O Gastroespazo do Mercado de Abastos acollerá esta iniciativa de teatro de improvisación que se celebrará o penúltimo xoves de cada mes, dando comezo mañá pola tarde

A Concellería de Promoción Económica porá en marcha mañá pola tarde no Gastroespazo do Mercado de Abastos, en colaboración coa asociación socio-cultural Inzar, un obradoiro de Teatro Espontáneo que pretende fomentar entre a cidadanía a necesidade dun cambio social. Esta iniciativa terá un carácter mensual, celebrándose o penúltimo xoves de cada mes, en sesións de 3 horas que darán comezo ás 20:00 horas.

A actividade organizarase nunha primeira parte dunha hora de duración dedicada á montaxe e quecemento de actores, músicos e técnicos; e as 2 horas restantes destinaranse á propia representación das historias.

O teatro espontáneo é  un teatro de improvisación que se desenvolve a partir de relatos narrados pola audiencia, nun  proceso de creación colectiva no que público, actores e autoras pasan a ser voceiros dun coro que transforma os problemas e necesidades vividos pola comunidade nunha vida narrada da que presentan alternativas, configurando unha nova dimensión que nos aproxima á acción e ao cambio social. No proceso de creación do espazo para a produción colectiva conflúen tres etapas: unha 1ª fase para a conformación do grupo, coa apertura dunha convocatoria para a participación de actores e actrices; unha 2ª fase de adestramento e axuste da compañía, na que se fomentará o coñecemento, familiarización e aprendizaxe das técnicas e da escenificación, e finalmente, a 3ª fase que é a representación pública da obra.

A actividade presenta como obxectivos principais crear un espazo para o intercambio e a reflexión conxunta, propiciar o encontro e os grupos humanos, potenciar o diálogo social respectando a diversidade, fortalecer o desenvolvemento humano e a conciencia cívica, e estimular a participación social activa. Con esta iniciativa “pretendemos crear un espazo para poder reflexionar, tomar conciencia e compartir como nos inflúen e como influímos nos cambios sociais, potenciando dende a orixinalidade, novas respostas”, sinala a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco.