Danza Pontevedra chegará a cidade do 12 ao 16 de abril como unha aposta firme por “unha das artes máis invisibilizadas”

134


O ciclo de danza terá lugar entre o Teatro Principal e o Pazo da Cultura e contará na súa programación con palestras, talleres con Alumnado de Belas Artes e espectáculos

As entradas para os espectáculos de pago ‘Figuras no Limiar’ de Javier Martín, a estrea en Galicia de ‘Acciones Sencillas’ de Jesús Rubio Gamo e ‘DeMente’ de Fran Siera, xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo invidual de 8/4€ ouen formato bono triple por 15€

As Residencias Paraíso, presentadas no seu momento, botan a andar este luns 27 nas dependencias do Pazo, e contarán coa bailarina Alejandra Balboa, que amosará o seu traballo en formato work in progress o venres 14 de abril con entrada libre


A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou esta mañá un novo ciclo ‘Danza Pontevedra’ que “vén ampliar o abano de oferta cultural no que temos, teatro, música de orquestra, moderna, divulgación científica, programación infantil, cinema, literatura, agora tamén Banda Deseñada. Faltaba a danza que é unha das artes que máis impulso necesita e máis invisibilizada está. Por iso non quixemos que fora un programa completo, con espectáculos pero tamén con actividades paralelas en forma de charlas, de talleres, as residencias artísiticas, etc.. Fixemos unha proposta de danza contemporánea, dunha exploración do movemento cunha alta interacción co público.  A nosa  intención é cautivar ao público cunha mestura de coreografías innovadoras  e tamén co feito de que é moi complicado ver a todas as persoas que van estar dentro do programa impartindo actividades. É unha escolla con moito potencial”

Logo de debullar o programa, que deixamos máis abaixo detallado, Fouces deu paso a Fran Sieira cuxo esxpectáculo “DeMente” pechará a programación o domingo 16 ás 19h. ás 19h. cunha temática “tan importante e necesaria como é a saúde mental”.

Fran Sieira, bailador e director da compañía de danza co mesmo nome, manifestou a súa ledicia de que “o que se presente hoxe non sexa un espectáculo só, senón un ciclo, unha programación completa que ogallá perdure nos anos porque a danza é a parte máis marxinada das artes escénicas e son precisos, como é o caso deste proxecto, espectáculos e actividades parelalas para achegar a danza ao público”

Sobre o seu espectáculo ‘DeMente’  avanzou que “é un espectáculo pro saúde mental que é un das aspectos máis marxinados pola sanidade e un dos temas que máis incomoda á cidadanía. É un estigma que hai que normalizar e nos quixemos facelo seguindo a pauta que dunha psiquiatra coa que falamos cando comezamos a investigar para este proxecto: que non sexa algo escuro e que dea medo.  O noso espectáculo é baile tradicional de raíz pero desde o contemporáneo, con 7 bailadores e baladoras. É unha peza que pola súa temática remove e fai pensar, porque a todo o mundo lle toca.”

As entradas para os espectáculos de pago, Figuras no Limiar de Javier Martín, a estrea en Galicia de ‘Acciones Sencillas’ de Jesús Rubio Gamo e DeMente de Fran Siera, xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo invidual de 8 (4€ para estudantes, desempregados e maiores de 65) e en formato bono triple para os 3 espectáculos, que terán lugar no Auditorio do Pazo da Cultura, a un prezo de 15€

ESPECTÁCULOS

Xoves 13 20:30h no Auditorio do Pazo da Cultura, FIGURAS DO LIMIAR de Javier Martín. Entradas en Ataquilla.com

Un limiar refire o tránsito. O concepto de «atravesar o limiar», tan característico de ritos e cerimonias de paso, está presente en infinidade de culturas desde tempos ancestrais e sempre implica un corpo en movemento nunha danza social feita acontecemento.

O famoso arquetipo do «gardián do limiar» remite a aquelas figuras que adquiren as formas dos nosos medos máis íntimos: vixían o limiar pero non para negarnos a entrada, senón para animarnos a vivir o labirinto oportuno que posibilita a transformación e, por tanto, o paso. É necesario vestir as peles das bestas, habitar as máscaras. Vibrar coa forma do monstro e incorporar a diferenza.

Venres 14 20:30h no Pazo da Cultura, CUANDO LE PERMITO AL CUERPO AQUELLO QUE DIGO de Alejandra Balboa. (Formato work in progress dentro das Residencias Paraíso). Entrada libre ata completar cabida.

O programa Residencias Paraíso de Colectivo RPM e o Concello de Pontevedra suman forzas para acompañar o proceso de creación da artista pontevedresa Alejandra Balboa. Esta colaboración danos a oportunidade de coñecer en formato work in progress o traballo desta creadora galega.

Cuando le permito al cuerpo aquello que digo é un proxecto de investigación física que explora a distancia entre a palabra e o corpo, no que propón esculcar e observar a garganta, a mandíbula, a boca (lingua) e a respiración como motores desde os que partir e facer florecer o movemento. Inspirándose en técnicas xaponesas que lle axudan a conectar corpo e imaxinación, apoderándose do tempo. Escoitarse e expresarse dende un lugar honesto e sutil, potenciando a idea da experiencia que reside no acto de moverse. Facelo dende o desexo, dende un corpo “deseducado”, dende unha “fisicalidade parda”. Un corpo que se permite acceder ao encontro coa incomodidade, o pudor e a torpeza, como limiares de aproximación ao descoñecido

Sábado 15 20:30h no Auditorio do Pazo da Cultura, ESTREA EN GALIZIA DE ACCIONES SENCILLAS de Jesús Rubio Gamo. Entradas en Ataquilla.com

Queres aprender a bailar: fas, repites, buscas o ángulo, ás veces te centras na forma e outras confías na sensación. Logo te perdes. Veste con todo iso e non sabes moi ben para que usalo, como poderá servir. Xa viches algúns corpos enchendo eses códigos, desafiándoos, con toda a súa forza e toda a súa historia e todo o seu cansazo e toda a súa plenitude. Sabes que están aí para todos, son tamén teus. Só tes que atopar a túa maneira. De que vas enchelos ti? Por onde comezar?

En 2020 RNE outórgalle a Jesús Rubio Gamo o Premio Ollo Crítico na modalidade de danza. O xurado destacou o seu enfoque artesanal da composición coreográfica, tanto en proxectos íntimos como na orquestración de grandes grupos, nos que consegue axuntar a estrutura coa individualidade dos seus intérpretes. A súa obra Gran bolero obtivo o Max ao Mellor Espectáculo de Danza 2020.

Acciones Sencillas foi nominada á mellor coreografía nos Premios da Crítica de Catalunya

Domingo 16 19h. no Auditorio do Pazo da Cultura, DeMente de Fran Sieira. Entradas en Ataquilla.com

“DeMente”, é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración. Conta cun elenco artístico de oito bailadoras e bailadores, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva Bóveda. Todo isto desenvólvese dentro dun marco escénico e cun vestiario diseñado por Carlos Alonso Alonso xunto co deseño de iluminación de Fidel Vázquez Díaz. Aparte máis física e a estética contemporánea preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.

En “DeMente” plasmaremos unha realidade,  un estigma,  unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.   A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”…

Actividades Paralelas

Mércores 12 abril de 10h a 14h no Auditorio Pazo da Cultura: LABORATORIO SOMA (TALLER) con Javier Martín: Encontro No escenario do Auditorio do Pazo da Cultura co alumnado da Facultade de Belas Artes da asignatura «Artes afíns» que coordinan Silvia García e Ignacio Barcia. Entrada libre.

Experimentación dunha serie de conceptos, técnicas e exercicios para acompañar e afinar a percepción, para comprender as relacións entre as sensacións físicas e as linguaxes que empregamos, entre o corpo, a súa materialidade e os procesos que median na conciencia que temos do mesmo.

Mércores 12 abril de 19:30h a 20:45 na Sala Multiusos do Teatro Principal: CONFERENCIA OXIMÓRICA (palestra) con Javier Martín.

Parlamento sobre diferentes investigacións no eido da arte, a ciencia e a filosofía do movemento. Texturas, topoloxías, percepción, fluxos, carne e complexidade son algunhas das cuestións que, extraídas da práctica, están relacionadas co performativo, a creación e a memoria. A intención é comunicar diversos mapas físicos e conceptuais sobre o corpo e o movemento. Arguméntanse os contidos postos en xogo co corpo, a palabra e soporte multimedia (fragmentos de películas, danzas de orixe e de vangarda, imaxes anatómicas…).

 «Non hai máis poesía que a acción. » Pasolini

Sábado 15 de abril de 18:30h a 20h no Salón de Actos do Pazo da Cultura, “Idadismo e cuestións xeracionais na danza contemporánea galega”. Palestra con Amparo Martínez Paz e Marcia Vázquez, moderada por Afonso Becerra de Becerrea.

Na danza, a propia presenza do corpo, o corpo e o seu movemento, incluso na quietude, resulta elocuente, estanos a transmitir e a tocar desde a arte.

A danza contemporánea é aquela que, dalgún xeito, posúe unha maior potencialidade para crear movemento e para absorber e mesturar estilos. Por tanto, fronte, por exemplo, á danza tradicional, ás danzas sociais (bailes de salón, bailes latinos, danzas urbanas tipo Hip-hop ou House, etc.) ou ao ballet clásico, a danza contemporánea pode implicar unha investigación e unha capacidade para ultra pasar os límites incluso do que denominamos danza.

No contexto galego, podemos considerar que a danza contemporánea plena, superando o neoclásico e o ballet, comeza na segunda metade da década dos oitenta. Desde aquela até hoxe, malia ao panorama adverso, temos a sorte de contar con diferentes xeracións de creadoras. Porén cabe preguntarse, quizais, se o escaso “mercado” e a programación dos nosos teatros e auditorios acollen esa diversidade. Cabe preguntarse, quizais, xa nun plano máis artístico e social, se existen diferenzas xeracionais e cales. Cabe preguntarse se hai lugar nos nosos escenarios para bailarinas e bailaríns de idade, que pasen dos 50, dos 60 ou dos 70 anos. E, por aí, entra, quizais tamén, a cuestión do “idadismo” e mesmo da “idadofobia” como elementos para o debate.

Para abordar estes asuntos contamos con dúas coreógrafas e bailarinas: Amparo Martínez Paz (Vigo, 1958), que foi a primeira coreógrafa de Galicia seleccionada para participar no I Certame Coreográfico de Madrid nos anos 80, a cita máis relevante a nivel estatal, e Marcia Vázquez (Vigo, 1994), que debuta en 2021 e que é unha das creadoras galegas dunha das últimas tendencias na danza contemporánea, consistente na hibridación con danzas urbanas de alta exixencia física.