A Pascua chega ao Mercado de Abastos cunha programación especial de O Ganapán

23
  • A iniciativa de lecer infantil impulsada pola Concellería de Promoción Económica presenta unha programación especial de Semana Santa na que as actividades se desenvolverán en 9 xornadas ininterrompidas entre o sábado 1 e o domingo 9 de abril

 A Concellería de Promoción Económica deseñou unha Semana Santa chea de Ganapán para os máis pequenos. A programación especial da iniciativa de lecer infantil estará orientada á temática da Pascua e estenderase durante nove días consecutivos, dende o sábado 1 ata o domingo 9 de abril. Os talleres celebraranse no Gastroespazo do Mercado de Abastos en horario de 11:30 a 13:30 horas, permitindo que a rapazada de entre 4 e 10 anos desfrute da elaboración de orelliñas de coello, galiñas de Pascua ou biscoitos de Pascua, entre moitas outras opcións gastronómicas e lúdicas.

O programa impulsado pola concelleira socialista Yoya Blanco traerá consigo propostas moi interesantes para facer desfrutar aos nenos e nenas de Pontevedra, comezando o sábado 1, con obradoiros nos que poderán realizar unha versión vegana dun clásico de tódolos tempos, o biscoito de cenoria, e outro no que terán ocasión de confeccionar un cono de cenoria porta lambetadas. Na segunda xornada, o domingo 2, os rapaces participantes farán unha marioneta de coello de Pascua que os levará ata Grecia para probar os seus tradicionais doces desta época do ano, a koulourakia e as galletas gregas.

E xa empapados da temática de Pascua, o luns 3, O Ganapán abrirá a semana coas torradas de leite ao forno e a elaboración dunha galiña de Pascua. A xornada do martes 4 preséntase cun guiño á terra das Fallas, coas monas de coresma valencianas, típicas na zona, e a produción dunha careta de coello. Coa finalización desta cuarta xornada, chega o ecuador do programa, no que as alpisteras andaluzas e os brazaletes de Pascua protagonizarán os talleres deseñados para a rapazada. E non podía faltar a tradicional Coroa de Pascua, que os pequenos elaborarán o xoves 6 xunto cunhas orelliñas de coello. Chegando xa á fin de semana, o venres 7 elaboraranse rosquillas de nata e unha caixa de ovos de Pascua. Na penúltima xornada, os meniños participantes terán a oportunidade de facer o tradicional bizcochón de Pascua, máis un ovo sorpresa. As actividades finalizarán o domingo 9 coas galletas de vainilla ‘ovo de Pascua’ e a confección dun colgante de ovo.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que “todos e todas os que queiran participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo as posibles alerxias ou intolerancias”.  “Como sempre, que ninguén esqueza a friameira para poder levar á casa as deliciosas receitas elaboradas, de xeito que tamén as nosas familias poidan viaxar con nós probando os doces de Pascua de diferentes culturas e lugares”.