Un novo Faladoiro Feminista abordará este mércores 29 no CIM ‘A incorporación da perspectiva feminista na literatura actual’

21

O programa deseñado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) arredor do 8M, Día Internacional da Muller, proseguirá este mércores 29 de marzo coa celebración dun Faladoiro Literario Feminista que abordará ‘A incorporación da perspectiva feminista na literatura actual’. O coloquio terá lugar no 1º andar do CIM (Praza de José Martí, esquina con Santa Clara) en horario de 19:00 a 20:30 horas, será presentado pola concelleira socialista Yoya Blanco, estará moderado pola xornalista Chus Gómez e contará coas autoras Ana Cabaleiro López e Lorena Conde Martínez, analizando o contido das súas obras ‘Deixádenos remar’ e ‘Velloucas e minchas’.

Ao igual que o celebrado o pasado 22 de marzo, sobre a Lei de Liberdade Sexual, este Faladoiro Feminista terá entrada de balde ata completar aforo e tamén se gravará para a súa difusión posterior na páxina web do Concello e nas redes sociais de Igualdade.