A programación do 8M chega aos centros de Infantil e Primaria cos contacontos ‘Na túa man. Contos para a Igualdade’

18
  • Os talleres organizados pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración con Raquel Queizás iniciáronse onte co alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Marcón e co de Infantil da EEI de Verducido
  • As vindeiras sesións desenvolveranse o xoves 30 de marzo ás 10:00 horas no CEIP Parada de Campañó e ás 12:30 horas no CEIP San Martiño de Salcedo, estando tamén programadas outras para os días 11 e 12 de abril nos CEIP A Carballeira, Cabanas, Xunqueira I e Xunqueira II

Trala boa acollida que esta actividade tivo o ano pasado, a programación organizada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, chega aos centros de Educación Infantil e Primaria de Pontevedra da man de Raquel Queizás cos contacontos ‘Na túa man. Contos para a Igualdade’. Os talleres deron comezo onte coa participación dos alumnos de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Marcón e dos de Infantil da EEI de Verducido.

Segundo explica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “as sesións de contacontos coa fantástica Raquel Queizás proseguirán este xoves 30 de marzo ás 10:00 horas cos rapaces de Infantil do CEIP Parada de Campañó e ás 12:30 horas cos de Infantil do CEIP San Martiño de Salcedo”. “Ademais, xa temos programados varios obradoiros para o mes de abril. En concreto, o martes 11 de abril ás 9:20 horas cuns 50 alumnxs de Infantil e de 1º e 2º de Primaria do CEIP A Carballeira e ás 12:30 horas con outros 50 do CEIP Cabanas (Salcedo) e o mércores 12 de abril ás 9:20 horas cun grupo de 56 nenos e nenas de Infantil na biblioteca do CEIP Xunqueira I e sobre as 12:00 horas (pendente de pechar horario) con outro de 60 rapaces e rapazas de 1º e 2º de Primaria do CEIP Xunqueira II”, apunta a edil do PSOE, quen avanza que “quedan outros catro colexios máis que os celebrarán en maio”.

Á marxe destes contacontos destinados aos máis pequenos, a programación da Concellería de Igualdade polo 8M tamén ten en marcha outra iniciativa orientada ao alumnado de 3º e 4º da ESO do concello de Pontevedra. Trátase dun Concurso de Tik Tok pola Igualdade organizado coa finalidade de visibilizar, previr e denunciar a violencia de xénero, impulsando a reflexión e a conciencia crítica do alumnado, ao mesmo tempo que desenvolven a súa creatividade. O prazo para presentar vídeos estará aberto ata finais de abril.