A Policía Local de Pontevedra incorpora dúas novas motocicletas ao seu parque móbil 

22
Os vehículos, xa activos, contan cunha maior eficiencia no consumo enerxético e presentan características que ofrecen unha maior comodidade e seguridade para os axentes na circulación 

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, presentou esta mañá de xoves, 30 de marzo, a pé de rúa, as dúas novas motocicletas adquiridas para renovar e ampliar o parque móbil da Policía Local de Pontevedra.

«A idea, coma sempre, é ir renovando de xeito periódico o parque do corpo local», indicou a concelleira. «Consideramos que nestre instre existía esta necesidade xa que algunhas motos comezan a estar xa antigas, polo que decidímonos optar por estes dous modelos que se fabrican en Barcelona».

Á hora de subliñar algunhas características dos novos vehículos é posíbel destacar o seu peso, menor ao de outras motos semellantes. Os propios axentes definenas como «lixeiras», o que as fai máis versátiles á hora de traballar polos diferentes espazos da cidade e do municipio. «Permiten moverse con facilidade por calquera lugar ao ser tan manexábeis. Ademais teñen uns consumos enerxéticos mínimos, tanto no que ten que ver co combustíbel como coas luces, que incorporan tecnoloxía LED, facendo que o consumo eléctrico sexa moi baixo», explicou Vilaverde.

Segundo o comentado polos axentes, as novas motocicletas son algo máis baixas ca outros modelos cos que conta o corpo, o que permite unha postura máis cómoda e unha condución máis seguro ao ter o centro de gravidade máis baixo. Ademais dos vehículos, tamén foron adquiridos novos cascos de protección, con características máis modernas e cunha mellora na comodidade á hora de subir a viseira que incorporan.

Na actualidade o parque móbil da Policía Local conta con 16 motocicletas, aos que habería que sumarlle estas novas adquisicións, facendo un total de 18. Os dous vehículos foron adquiridos grazas a un investimento próximo aos 18.000 euros —en total—.