A Praza da Liberdade mudará o seu aspecto a través dunha reforma integral que a fará unha contorna máis verde e amable 

238
Contará con dúas zonas de estancia, longas bancadas para o descanso, varias zonas verdes, láminas de auga e verá mellorada a súa accesibilidade
O actual equipamento municipal que foi no seu día unha cafetería pasará a ser o novo local da Federación de Veciños Castelao, que abrirá as súas actividades á praza 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado de varios representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, presentou esta mañá o proxecto de reforma para a Praza da Liberdade. Trátase dunha reforma que mudará por completo o aspecto da praza, que mudará cara un espazo máis verde e amábel, e que tamén acollerá, na súa superficie, as novas dependencias do nomeado colectivo en substitución do actual local no que se atopan, nos baixos da praza.

«Decidimos que o quiosco que había na parte superior era un sitio máis digno e axeitado para acoller as actividades e xuntanzas desta asociación, tal e como xa comentamos no seu día, visibilizando deste xeito as propostas que poidan facer coa veciñanza», indicou o rexedor.

Doutra banda, a reforma da praza traerá consigo unha reordenación dos espazos e da circulación peonil. Conservarase a escultura á Liberdade, construiranse varias zonas de estancia e esparexemento, ademais dun par de finas láminas de auga e diversos engadidos verdes.

«Esta actuación contará con fondos da Fundación Biodiversidade, fondos de nova xeración, en relación coas cubertas verdes. Houbo unha previsión inicial de cuberta verde para o Pazo, pero finalmente este será o espazo escollido para a súa aplicación dada as características climatolóxicas do noso país», comentou Lores. «A entidade ve con bos ollos este novo proxecto, polo que a cidade contará cun espazo renovado, con árbores na zona perimetral do aparcamento, será máis accesíbel cun circuíto transversal que atravesa a praza, bancadas para descansar e socializar e dúas zonas de estancia, unha delas anexa ao edificio do local social a construír».

Este edificio contará cunhas características consensuadas coa Federación Castelao, contemplando con aseos, sala de reunións, almacén e unha sala multiusos de algo máis de 50 metros cadrados. 

O Concello estima en continuar nos vindeiros meses en sacar adiante o proxecto de execución, que logo sairá a contratación, tendo unha previsión de obra duns 14 meses. O investimento contará con fondos da Fundación Biodiversidade e fondos municipais, sumando preto de 400.000 euros (estimados), mais o alcalde lembra que  «tal e como están os tempos, a a subida de prezos e outros factores, é posíbel que vaia a mais. Até termos o proxecto de execución é difícil dar unha cifra concreta».

Infografía do proxecto.

Captura de pantalla 2023 03 30 a las 16.10.16
Infografías do proxecto.