A edil de Festas, Carme da Silva, anima a toda a veciñanza a achegarse até a Praza do Concello para gozar dun intenso programa que inclúe obradoiros, roteiros, concertos e faladoiros
A Aña Urbana ten como fin achegar até a cidade unha tradición rural derivada do traballo en comunidade e das posibilidades que abre traballar cóbado con cóbado
A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou esta mañá de xoves, 30 de marzo, unha nova edición da Aña Urbana, cita que volve trala ausencia e imposibilidade de ser realizada polas restricións sanitarias derivadas da Covid-19. Volverá con forza, como é habitual nos eventos que non puideron ser celebrados ao longo destes últimos anos.
«Unha das cousas máis duras que nos quitou a pandemia, alén da saúde, foi a posibilidade de facer festas con contacto, con apertas, bailes agarrados e outras cousas que son imprescindíbeis e forman parte habitual das nosas vidas», lembrou a edil. «Logo de dous anos que se fixeron moi longos sen gozar da Aña Urbana na praza do Concello, este 1 de abril poderemos recuperala».
Da Silva anima a toda a veciñanza pontevedresa a acudir a esta cita, gozar do seu programa e coñecela por vez primeira no caso de non ter ido no pasado. A carpa, situada na nomeada praza, abrirá ás 11 horas e así seguirá até ás 01 horas, máis de 12 horas de actividades intensas, co foco na cultural e na festividade e musicalidade tradicional, que tamén inclúe roteiros pola cidade.
A asociación cultural Trépia é o colectivo detrás da organización desta potente xornada, e que contará co seguinte programa:
- 11.00 horas – Apertura da carpa
- 11.30 horas – Sorteo itinerario roteiros (grupos participantes)
- 12.00 horas – Roteiro por grupos (rúas e prazas do centro histórico)
- 14.00 horas – Pausa para xantar
- 15.00 horas – Obradoiro de Regueifa (co Rabelo e Alba María)
- 17.00 horas – Obradoiro de toques de leghón (con Xandre Outeiro)
- 17.30 horas – Obradoiro de baile do ramo (con Álvaro Carballo)
- 18.00 horas – Faladiro con Luís Prego
- 19.00 horas – Actuación da escola A. C. Trépia
- 21.00 horas – Concerto (Abril)
- 22.00 horas – Concerto (Pan Sen Fron)
- 23.00 horas – Serán (micro aberto)
- 01.00 horas – Feche da carpa
Pola súa banda, Carla Riquelme, de Trépia, sinalou que tiñan moita gana «de ter unha festa por todo o alto». «Temos a posibilidade de volver facer un evento realmente importante, que xa leva máis de dez anos celebrándose no mes de abril, intre no que aramos a terra. A Aña Urbana achega á cidade unha tradición rural que supón traballar en comunidade, deixar constancia desa unión, da posibilidade de colaborar entre todos e todas».