A bandeira xitana dominará a vindeira semana o balcón da Casa da Luz con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano

31
  • No marco do programa organizado arredor do 8 de abril, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e os concelleiros de Benestar Social e de Igualdade, Marcos Rey e Yoya Blanco, participarán o vindeiro luns nun acto reivindicativo con membros da Fundación Secretariado Xitano

No marco do programa conmemorativo organizado arredor do 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e os concelleiros de Benestar Social e de Igualdade, Marcos Rey e Yoya Blanco, participarán o vindeiro luns 5 nun acto reivindicativo consistente no despregue da bandeira xitana no balcón da Casa da Luz. Nun ano sinalado polo calendario electoral, que supón unha oportunidade para que as persoas xitanas continúen avanzando e ocupen un espazo diferente desde dentro das institucións, neste 2023 preténdese poñer o acento sobre graves casos de antixitanismo como os que sofreron algunhas familias xitanas de Peal de Becerro (Xaén) e Íllora (Granada) o pasado verán, nos que, tralo acoso e persecución dos seus veciños, familias enteiras se viron obrigadas a deixar as súas casas. Unha situación que, como denuncia a Fundación Secretariado Xitano, “resulta recorrente contra o conxunto de familias xitanas dunha localidade cando se produce algún acto delituoso que puidese cometer algún dos seus membros, tal e como ocorreu anteriormente en Estepa, Castellar ou Martos, e que é un claro síntoma de que, a pesar da recente aprobación da Lei Integral de Igualdade de Trato, o antixitanismo segue enquistado na nosa sociedade”.

Así o quere poñer de manifesto o colectivo a través dunha declaración institucional que pretenden levar para a súa lectura ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal e na que, nun contexto no que o pobo xitano continúa a vivir moitas dificultades, tamén se subliñará a importancia de “seguir traballando en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e antixitanismo e avanzar en dereitos, oportunidades e cidadanía para os xitanos e xitanas de España e de Europa”. Tal e como lembra o concelleiro socialista Marcos Rey, “o 8 de abril é unha data na que se conmemora o 1º Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres en 1971 e no que se adoptaron os símbolos propios do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella, e o himno ‘Gelem, Gelem'”. “En España -apunta o edil de Benestar Social- foi en 2018, a pedimento do Congreso dos Deputados, cando tivo lugar o recoñecemento do 8 de abril como Día do Pobo Xitano, así como o uso da bandeira e o himno xitanos”.

Segundo sinala Rey, “trátase dun día para recoñecer a contribución que os xitanos e as xitanas fixeron á nosa sociedade durante máis de seis séculos de historia compartida e de dar un paso adiante na loita pola igualdade de oportunidades e de dereitos das persoas xitanas”. Para a Fundación Secretariado Xitano, “un motivo especial de celebración deste 8 de abril é a aprobación, en xuño de 2022, da Lei Integral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación, que ademais incorpora o antixitanismo como delito de odio no Código Penal, unha modificación que supuxo un fito histórico para os xitanos e as xitanas que por fin ven recoñecidos séculos de discriminación e rexeitamento social”. “Outro recente fito -consideran- foi a aprobación do Informe da Subcomisión para acadar un pacto de Estado Contra o Antixitanismo e a Inclusión do Pobo Xitano na Comisión de Dereitos Sociais do Congreso dos Deputados a principios deste ano. Dous momentos moi relevantes para a historia do pobo xitano que non terían sido posibles sen o impulso dos deputados e deputadas xitanos que ocupan un escano no Congreso”.