- O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, explica que a Mesa de Contratación do Concello recibiu as propostas de Idades SL, Aralia Servicios Sociosanitarios SA, Caser Residencial SAU e Osventos Innovación en Servicios SL
- Tal e como sinala o edil socialista, o novo contrato suporá un incremento de 40.000 horas anuais con respecto ao actual, terá unha vixencia de 4 anos e conta cun orzamento base de 12.270.045,80 euros (o que supón máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns de euros ao ano (fronte aos 1,4 millóns do vixente)
A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra recibiu as ofertas formuladas por catro empresas que aspiran a converterse en adxudicatarias da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). En concreto, o órgano municipal terá que avaliar as propostas das firmas Idades SL, que o presta na actualidade, Aralia Servicios Sociosanitarios SA, Caser Residencial SAU e Osventos Innovación en Servicios SL.
O novo contrato impulsado pola Concellería de Benestar Social permitirá ofrecer unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra, o que supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual. Segundo explica o responsable do departamento municipal, o socialista Marcos Rey, “terá unha vixencia de 4 anos e conta cun orzamento base de licitación de 12.270.045,80 euros (o que supón máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns de euros ao ano, fronte aos 1,4 millóns do que está en vigor”.
A través do SAF, a Concellería de Benestar Social atende a persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presentan problemas para a realización de determinadas tarefas de carácter persoal ou doméstico; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, que afecta significativamente á súa autonomía persoal, que vivan soas ou non poidan ser atendidas suficientemente polas súas familias, e mesmo a familias con especial dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos. Tamén facilita a xestión de crises de carácter temporal sobrevidas, como por exemplo convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.
Tal e como subliña Marcos Rey, “este novo contrato traducirase nunha exponencial mellora no orzamento e no número de horas, en consecuencia na prestación dun servizo social que para nós é esencial”. Na súa opinión, “é unha mostra do compromiso e implicación do Goberno de Pedro Sánchez co SAF, dado que as administracións autonómicas reciben do Estado os cartos para investir neste servizo e, ao tempo que a Xunta reduciu a cifra global, o Executivo liderado polo PSOE volcouse unha vez máis cunha demanda social que se disparou trala pandemia e aumentou a partida económica”.
Así, a Administración Xeral do Estado reforzou deste xeito o seu compromiso de orientar unha consignación específica, nos Orzamentos Xerais do Estado, ao Plan Concertado para o Desenvolvemento de Prestacións Básicas de Servizos Sociais en Corporacións Locais, artellado a través da fórmula de convenios administrativos entre as administracións do Estado e as comunidades autónomas.
Ao facer o promedio dos últimos anos de prestación, compróbase que o Concello de Pontevedra estivo asumindo o 21,85% do custe do SAF de Dependencia (persoas que teñen un recoñecemento de dependencia) e a Xunta un 64,53%, cubrindo os usuarios un 13,62% do mesmo, mentres que ao efectuar o mesmo cálculo para o SAF Básico ou de Libre Concorrencia (persoas que non teñen a valoración de dependencia ou que aínda non teñan recoñecido o dereito efectivo a un servizo ou prestación do catálogo de Dependencia, así como unidades familiares cuxa problemática principal estea vencellada con aspectos convivenciais e socioeducativos), verifícase que o Concello está a asumir case un 80% do custe, a Xunta unicamente o 12,4% e os usuarios o 8,49% restante.
O SAF de Pontevedra presta servizo nestes momentos a unhas 200 persoas, a meirande parte das mesmas maiores dependentes.