Benestar Social pon en marcha os seus Obradoiros Familiares cunha programación centrada nas redes e o mundo virtual, a prevención do consumo de drogas, a sexualidade e o papel das familias nos hábitos de estudo

70
  • Os talleres desenvolveranse na Sala Valdecorvos da Casa Azul en horario de 17:00 a 18:30 horas e de 19:00 a 20:30 horas, contando cunha ludoteca para nenos e nenas maiores de 2 anos coa finalidade de facilitar a conciliación familiar

A Concellería de Benestar Social porá en marcha a vindeira semana na Sala Valdecorvos da Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2) os seus Obradoiros Familiares, impartidos por profesionais expertos en Educación e Prevención e nos que se abordarán temas de interese de xeito monográfico e intensivo en sesións de hora e media de duración. Pensados como actividade complementaria ao talleres de Prevención de Condutas Adictivas e de Educación para a Saúde que se realizan nos institutos e centros de Primaria da cidade (incluídos na estratexia do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas) e como un espazo puntual de reunión para as familias, coa finalidade de traballar con toda a comunidade educativa desde unha perspectiva integradora, estes obradoiros desenvolveranse de xeito presencial os xoves 13, 20 e 27 de abril e 4 de maio, ofrecéndose dúas posibilidades horarias para facilitar a asistencia ás persoas interesadas: unha de 17:00 a 18:30 horas e outra de 19:00 a 20:30 horas.

Segundo apunta o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “a inscrición pode facerse a un ou a tódolos obradoiros, en función dos intereses, e os que se desenvolvan en horario de 17:00 a 18:30 horas contarán cunha ludoteca para nenos e nenas maiores de 2 anos no mesmo edificio (Casa Azul) para facilitar a conciliación familiar”. “Este servizo -indica o edil do PSOE- hai que solicitalo ao facer a inscrición, que se levará a cabo remitindo un correo ao email planadiccions@pontevedra.eu. Será preciso indicar o taller ao que nos queremos inscribir, o nome e apelidos, o teléfono, a dirección de correo electrónico e a idade dos menores, coa finalidade de adaptar a temática do obradoiro á súa idade”.

Os Obradoiros Familiares ofertados son os seguintes:

Obradoiro 1. ‘Familias dixitais. O novo mundo virtual’. A diferenza entre adicción con substancia e comportamental, a diferenza entre uso e abuso nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), a dificultade para deixar liberdade en redes e as relacións a través das TIC. Información ou contido falso ou perigoso. Como coñecer o contido que se consume. Os xogos, apps, apostas, investimentos e estafas.

  • Xoves 13 de abril de 17:00h a 18:30h (con servizo de ludoteca)
  • Xoves 13 de abril de 19:00h a 20:30h

Obradoiro 2. ‘Fortalecendo familias: Prevención do consumo de drogas’. Como afecta o consumo na familia, os factores de risco e protección, os riscos do alcohol e o tabaco, os primeiros contactos con outras drogas (como detectalos) e como educar noutras formas de lecer.

  • Xoves 20 de abril de 17:00h a 18:30h (con servizo de ludoteca)
  • Xoves 20 de abril de 19:00h a 20:30h

Obradoiro 3. ‘Falando de sexualidade en familia’. Orientación sexual e diversidade de xéneros, educación sexual e prevención de abusos.

  • Xoves 27 de abril de 17:00h a 18:30h (con servizo de ludoteca)
  • Xoves 27 de abril de 19:00h a 20:30h

Obradoiro 4. ‘O papel da familia nos hábitos de estudo’. Por que suspenden rapaces e rapazas que si se interesan polo estudo. Organización do tempo de estudo, tips, consellos, hábitos e técnicas de estudo.

  • Xoves 4 de maio de 17:00h a 18:30h (con servizo de ludoteca)
  • Xoves 4 de maio de 19:00h a 20:30h

Os interesados deberán elixir data e horario e remitir un correo a planadiccions@pontevedra.eu, precisando:

  • Nome e apelidos:
  • Teléfono:
  • Correo electrónico:
  • Idade do/s fillos/as:
  • Obradoiro/s ao que se quere inscribir: Precisa o servizo de ludoteca?
  • Data/s elixidas e horario: