Até catro xornadas distintas acollerá a igrexa de Santa Clara ao redor do urbanismo, o deseño, a arquitectura e a sociedade con nomes tan relevantes como Teresa Táboas, David Slim, Ola Gustafsson, Joana Meneses ou Jean- Paul Thibaud entre moitos outros
Todas as conversas serán de acceso libre até completar cadanseu aforo e non será requirido ningún tipo de reserva previa
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá de martes, 4 de abril, unha nova edición do ciclo Urbtopías, evento que vén definido como «unha liña no horizonte, un soño que sempre considerou a cidade como o espazo idóneo onde materializar novas ideas e posibilidades a través da arquitectura, o deseño e o urbanismo».
Así, a edición deste 2023 repite o obxectivo de facer de Pontevedra un punto de encontro, debate e reflexión sobre o futuro dos espazos que habitamos e «converter as nosas urbtopías en posíbeis cidades».
«Urbtopías hai xa uns anos da man da concellaría de Promoción da Cidade para aproveitar a referencialidade da nosa cidade. Ben é certo que que varias persoas que formamos parte do grupo municipal tivemos a honra de representar a Pontevedra en diferentes partes do mundo (Bruxelas, Madrid, Beijing…), Urbtopías nace da necesidade de falar do que aconteceu en Pontevedra nunha clave local, nunha clave que permita reflexionar sobre o que aquí acontece e tamén coñecer outras experiencias do globo a través de expertos de expertas», sinalou Gulías. «Queremos traballar en rede pos construír cidades mellores, sociedades mellores e un mundo, en definitiva, mellor».
Nesta edición quixo, segundo a edil, aproveitarse a centralidade do espazo público como temática principal, reivindicando este elemento como un dereito de todas as persoas. Así, o programa abrangue catro xornadas distintas, distribuídas ao longo dos meses de abril e maio, do seguinte xeito:
Mércores, 12 de abril, 19 horas – Igrexa de Santa Clara
Paisaxe sonora e cidade. Repensar o espazo urbano a través da escoita
- Jean-Paul Thibaud
- Xoán-Xil López
- Luís López Alonso
- Carolina Neira (Moderadora)
Mércores, 19 de abril, 19 horas – Igrexa de Santa Clara
A cidade creativa. Onde vives, importa
- María Yáñez
- Joana Meneses
- Xosé M. Buxán Bran
- Marta Gómez (Moderadora)
Mércores, 26 de abril, 19 horas – Igrexa de Santa Clara
A cidade suave. Un contorno a escala humana
- David Sim
- Ola Gustafsson
- Teresa Táboas
- Miguel Anxo Fernández Lores
- Fernando González ‘Gonzo’ (Moderador)
Venres, 5 de maio, 19 horas – Igrexa de Santa Clara
Xornalismo Urbano. Unha narrativa sobre a cidade
- Ana Pardo de Vera
- Silvia Intxaurrondo
- Rodrigo Cota
- Ramón Rozas
- Jorgue Rodríguez Álvarez (Moderador)
Toda información sobre as participantes e as moderadoras pode ser consultada na páxina oficial do ciclo, onde tamén se achega máis información útil das conversas, as edicións pasadas e outros cuestións.