- A viaxe a Bruxelas enmárcase nun plan de traballo para elevar a cifra de 7,5 millóns de euros acadados polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Promoción Económica neste mandato (cunha taxa de éxito de practicamente o 100% en relación ás convocatorias ás que se presentaron proxectos) e prevé encontros con Laura Hagemann, responsable de políticas de Desenvolvemento Territorial e Urbano da Comisión Europea; Javier Moreno, xefe da Delegación Española dentro do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo; Juan Fernando López Aguilar, ministro de Xustiza durante o Goberno de Zapatero e presidente da Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento (Libe), e Marcos Ros Sempere, eurodeputado de Socialistas e Demócratas e poñente da Nova Bauhaus Europea (NBE)
- O portavoz municipal do PSOE anuncia que Pontevedra tamén foi convidada para expoñer o seu modelo verde e azul na Biennale des Villes en Transition que se celebrará en Grenoble (Francia) entre os días 8 e 11 de xuño, e na segunda reunión da alianza Greening Cities, que terá lugar en Malmö (Suecia) o 15 de xuño no contexto do congreso Creating the Green City
No marco dun plan de traballo que busca seguir captando fondos europeos para a nosa cidade e superar así amplamente os 7,5 millóns de euros xa acadados neste mandato polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Promoción Económica e Turismo (cunha taxa de éxito de practicamente o 100% en relación ás convocatorias ás que se presentaron proxectos), o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira Yoya Blanco viaxarán este mércores a Bruxelas para protagonizar unha intensa axenda de dous días de reunións e contactos con varios dos responsables políticos do Parlamento Europeo que teñen voz e capacidade de decisión no destino destes fondos. Unha estratexia de atracción de financiamento comunitario que, como anunciou Puentes, terá continuidade no mes de xuño, coa participación do modelo verde e azul de Pontevedra nunha das mesas redondas da Biennale des Villes en Transition 2023, que se celebrará en Grenoble (Francia) entre os días 8 e 11 de xuño, e na segunda reunión da alianza Greening Cities, que terá lugar en Malmö (Suecia) o 15 de xuño no contexto do congreso Creating the Green City.
A viaxe a Bruxelas prodúcese da man do Grupo da Alianza Progresista e Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo e está sufragada economicamente polo Partido Socialista. Entre os encontros previstos na capital belga para o mércores 12 e o xoves 13 de abril contémplanse entrevistas con Laura Hagemann, responsable de políticas de Desenvolvemento Territorial e Urbano da Comisión Europea (froito dos contactos establecidos recentemente en Turín coa comisaria de Cohesión e Reformas da UE, Elisa Ferreira, que ten a última palabra no reparto de fondos que veñan despois dos Next Generation, a partir de 2025); Javier Moreno, xefe da Delegación Española dentro do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo; e Juan Fernando López Aguilar, ministro de Xustiza durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e que actualmente preside a Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento Europeo (Libe), encargada de abordar temas que van da migración aos frecuentes ataques contra a democracia e o imperio da lei en Europa, aportando solucións ante a crise dos refuxiados e loitando polos dereitos do colectivo LGTBI e de minorías como o pobo romaní.
Tal e como explicou Iván Puentes, tamén manterán unha reunión con Marcos Ros Sempere, eurodeputado de Socialistas e Demócratas e poñente da Nova Bauhaus Europea (NBE), que traballa na revisión da Directiva de Eficiencia Enerxética dos Edificios e na mellora da mobilidade urbana. “A NBE -apuntou o concelleiro- busca impulsar a dimensión arquitectónica e o seu valor na mellora da calidade de vida de pobos e cidades. Trátase dun foro que aglutina redes, colectivos e organizacións inspiradoras e que convida a pensar como deben ser os espazos nos que se desenvolve a nosa vida, atendendo á cultura de cada lugar e reforzando os vencellamentos que unen aos distintos países europeos. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (a través da Dirección Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura), co que temos en marcha diversas accións de reverdecemento e renaturalización na nosa cidade, é o órgano designado pola Comisión Europea para coordinar a iniciativa NBE en España. A través dela, buscaremos concretar proxectos que, como a estratexia Pontevedra Flúe, permitan traer máis fondos europeos”.
Ademais, a visita de Puentes e Blanco a Bruxelas prevé encontros con eurodeputados galegos como Nicolás González Casares e con algún responsable da Axenda Urbana Europea para abordar cuestións vencelladas ao traballo que se está a realizar desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible e á parte ‘verde’ da devandita Axenda. Segundo indicou o portavoz socialista, tamén está contemplada unha reunión co pontevedrés Mateo González, responsable da asociación Emigrason, que aglutina a galegos e galegas na diáspora e emigrantes de segunda e terceira xeración e que organiza diversas actividades relacionadas coa cultura do país, entre elas un festival que permite desfrutar da música de grupos de Galicia (a última edición reuniu a máis de 200 persoas).
Unha axenda europea que se prolongará tralas eleccións do 28 de maio
Iván Puentes avanzou que a axenda europea de Pontevedra continuará tralas eleccións do 28 de maio, concretamente no mes de xuño, a través de eventos aos que a nosa cidade foi convidada polo modelo verde e azul desenvolvido a través da estratexia Pontevedra Flúe. “Fomos convidados pola cidade de Grenoble (Francia) a participar nunha mesa redonda sobre o reverdecemento das cidades do mañá, que terá lugar o día 9 ou 10 de xuño, dentro da Bienal de Cidades en Transición 2023 (Biennale des Villes en Transition 2023), un evento de moitísima relevancia internacional que se celebrará entre os días 8 e 11 de xuño e que reunirá durante catro días a delegacións de todo o mundo e cidadáns que reflexionarán sobre as cidades do mañá. Haberá delegacións de Brasil, Ecuador, Arxentina, India, Alemaña, Inglaterra, Francia, España, Moldavia, China, Senegal, Camerún… E relatores do máis alto nivel, como Kate Raworth, fundadora da teoría económica do Dónut”, precisou Puentes.
Grenoble, ao igual que Pontevedra, é unha cidade moi implicada en proxectos verdes: vexetalización de fachadas, agricultura urbana, fomento da biodiversidade, ovellas municipais que cortan o céspede dos parques… Ademais, conta cunha potente dirección de Urbanismo e con 4 ecobarrios e traballa moito o vencellamento entre Urbanismo e Saúde (acaban de inaugura una exposición sobre o tema que estará catro meses nun dos espazos máis importantes de Grenoble).
Ademais, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible tamén foi convidado por parte da cidade de Malmö (Suecia) para participar no segundo encontro físico da alianza Greening Cities (a rede comunitaria que asesora á Comisión Europea no impulso de renaturalización de cidades e da que Pontevedra forma parte xunto con cidades como Roma, Lisboa, Utrecht ou Tampere e de entidades como o Banco Europeo de Investimentos), que terá lugar en Malmö o venres 15 de xuño, no marco dun congreso de Cidades Verdades que se celebrará entre o 14 e o 15 de xuño coa participación de 140 expertos. “Tanto en Grenoble como no seo do Partnership Greening Cities está a despertar un enorme interese o noso modelo de Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático que estamos a deseñar, grazas ao financiamento da Fundación Biodiversidade, para definir a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano (unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal de infraestruturas verdes). A UE está a elaborar unha directiva que converterá este documento en obrigatorio, polo que Pontevedra está a ser pioneira e a servir de inspiración para todas estas cidades europeas”, subliñou Iván Puentes.
O portavoz socialista agarda que ámbalas citas permitan dar novos pasos adiante na candidatura de Pontevedra como sede dun dos próximos encontros da alianza Greening Cities e dun congreso no que se pretende reunir aos principais responsables da Comisión Europea en materia de renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático.