O Concello reclámalle a Costas que atenda as súas demandas e permita avanzar en proxectos como a reforma e mellora de Molllavao 

72
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores fala dunha «parálise» ao respecto de diversos proxectos no municipio, como é o caso do novo vial do nomeado barrio, que conta con todos os informes necesarios para a súa execución agás o emitido polo Estado 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de martes, 11 de abril, co obxectivo de presentar o dossier remitido ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, no Ministerio de Transición Ecolóxica, que recolle os procedementos pendentes en materia de Costas no Concello de Pontevedra.

«Hai un problema en Pontevedra derivado da constrición provocada pola parálise administrativa que Costas ten ao respecto das nosas demandas. Demandámoslles avances por todas as vías posíbeis: oficiais, informais, políticas… Pontevedra está medrando e precisa incorporar espazos que a día de hoxe están degradados, ademais de que o municipio aspira a que todos os barrios e todas as parroquias teñan os mellores estándares posíbeis de calidade urbana», explicou o rexedor. «Temos moitos proxectos elaborados e en marcha, mais hoxe querería poñer o foco sobre Mollavao, referido á construción do novo vial entre a PO-546 e a avenida de Marín».

Lores lembrou que este proxecto conta «cos deberes feitos», conta con financiamento e os informes favorábeis da Xunta de Galiza, restando só o informe de Costas. «É un informe que foi demandado por activa e por pasiva desde o ano 2018. É unha cuestión importante, e teño que dicir que comparto absolutamente o cabreo da veciñanza, mais teño que dicilo: os deberes están feitos e a situación é preocupante, polo que volvemos requirir por escrito, os informes que nos permitan seguir avanzando neste proxecto».

No comunicado remitido ao Ministerio tamén figuran outros asuntos, como os terreos que ocupan o campo de fútbol de Ponte Sampaio, a zona libre no que se sitúa o palco da música ou campo da festa e a edificación do club de piragüismo e da parcela nas que se sitúa o mercado; amais das declaracións de innecesariedade dos arredores e aparcadoiro do Pavillón Municipal, por exemplo.

«Pontevedra precisa medrar, precisa mellorar os espazos degradados coa vista posta no medio ambiente co fin de avanzar de cara ao futuro», sinalou o alcalde.