- A elaboración de casiñas colgantes de rolos de papel e tartarugas de madeira e la, porán a nota divertida nas xornadas do 15 e 16 de abril
O Gastroespazo do Mercado de Abastos acollerá o sábado 15 e o domingo 16 de abril á rapazada de entre 4 e 10 anos de Pontevedra nunha nova quenda de O Ganapán. A iniciativa de lecer infantil, promovida pola Concellería de Promoción Económica, dirixida por Yoya Blanco, traerá as galletas ‘linguas de gato’ xunto cunhas casiñas colgantes elaboradas con rolos de papel para a primeira xornada, e o biscoito marmolado e unhas tartarugas de madeira e la, para a segunda. As actividades levaranse a cabo entre as 11.30 e as 13.30 horas de ámbolos días da fin de semana.
Todos aqueles que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com indicando na mensaxe as posibles alerxias ou intolerancias de cada quen. A concelleira de Promoción Económica recorda “non esquecer a friameira para poder levar a casa estas exquisiteces, dignas de probar polas familias dos meniños e meniñas participantes”.