- O portavoz municipal do PSOE acada o compromiso da Dirección Xeral da Costa de asumir “o maior investimento deste mandato e practicamente o 100% das actuacións contempladas na estratexia Pontevedra Flúe”, incluíndo a mellora ecolóxica e paisaxística da parcela situada diante do Pavillón dos Deportes
- As reunións mantidas por Puentes en Bruxelas, capital da UE e sede do Europarlamento, da Comisión e das principais institucións comunitarias, permitiron ademais confirmar con diversos responsables políticos e funcionarios da Unión “que tódolos proxectos nos que levamos traballando con Costas desde hai máis dun ano son financiables con cargo aos fondos Next Generation”
“Despois de ano e medio de conversas, xestións e moito traballo co Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e, particularmente, a Dirección Xeral da Costa, hoxe podemos anunciar que culminamos aquí en Bruxelas, na sede da Unión Europea, a xestión máis importante para Pontevedra neste mandato e, sen dúbida, unha das que máis satisfacción persoal me produce desde que traballo polos intereses da miña cidade como concelleiro de Desenvolvemento Sostible: o Goberno de España investirá uns 25 millóns de euros en renaturalizar a ribeira do Lérez no tramo máis urbano de Pontevedra, incluíndo a recuperación integral da Xunqueira de Alba, e na rehabilitación da parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio”. Así anunciou esta mañá o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, desde o Parlamento Europeo o que supón o maior investimento público deste mandato e un dos maiores da historia Pontevedra, que suporá que o Ministerio para a Transición Ecolóxica asuma, con cargo aos fondos europeos Next Generation, practicamente o 100% dos proxectos contemplados na estratexia Pontevedra Flúe, adiantando en máis dunha década a data prevista de finalización de todos as actuacións contempladas neste ambicioso plan (declaracións completas no seguinte enlace: https://icnk.io/u/swTLBNFGzRC0/).
Tal e como subliñou Puentes, “estamos a falar dun acordo entre o Goberno de España e o Concello de Pontevedra que permitirá desbloquear a recuperación de varios espazos naturais estratéxicos situados en dominio público marítimo terrestre”. Segundo explicou, o compromiso acadado coa Dirección Xeral da Costa traducirase nas seguintes actuacións:
- A renaturalización completa da ribeira e o paseo do río Lérez, por ámbalas marxes, entre a Ponte dos Tirantes e a autoestrada AP-9, substituíndo a configuración actual de canle, con muros verticais que encaixan o río, por unha ribeira verde, con zonas de estar e pendente suave que permitan chegar ata auga ao longo das rúas Rafael Areses, Xoán Manuel Pintos e Paseo de Domingo Fontán.
- A restauración, mellora ecolóxica e paisaxística de toda a Xunqueira de Alba, incluíndo os terreos do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial, que está a liberar a Deputación de Pontevedra, a parcela que ocupa actualmente Costas no Paseo de Domingo Fontán, tódolos terreos libres entre a rúa Martín Códax e a canle de desembocadura da Xunqueira e, por suposto, toda a zona de humidal.
- A mellora ecolóxica e paisaxística da parcela situada diante do Pavillón dos Deportes, facendo compatible isto co seu uso actual como aparcadoiro disuasorio, pero mellorando radicalmente a súa estética e a súa ordenación. Un ámbito no que tamén se actuará en tódolos terreos que Costas ten na contorna do Pavillón.
- A recuperación da antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio, case triplicando a actual superficie de praia e de zona verde que temos agora, ampliando tamén, e ordenando, a zona destinada a aparcamento e gañando nova infraestrutura para deportes acuáticos.
“O Ministerio asumirá a licitación, contratación e execución de cada unha das obras… E tamén a redacción dos proxectos da Xunqueira de Alba e de Ponte Sampaio, que terán custe 0 para o Concello”
Segundo apuntou Iván Puentes, “todo isto supón, ademais do maior investimento da historia do Ministerio de Medio Ambiente en Pontevedra, unha aposta clara de Costas do Estado pola nosa cidade, polo benestar de tódolos pontevedreses e pontevedresas, como nunca antes se tiña realizado”. “Tal é a implicación, que o Goberno de España non só financiará estas actuacións con cargo aos seus fondos, senón que se encargará, tamén, dos complexos trámites de licitación, contratación e execución de cada unha das obras, tendo o Concello de Pontevedra que asumir unicamente, a través da Concellería de Desenvolvemento Sostible, a redacción dos proxectos respectivos… E nin sequera de todos, xa que no caso da Xunqueira de Alba e de Ponte Sampaio, será a Dirección Xeral da Costa do Ministerio de Transición Ecolóxica quen se encargue tamén da redacción dos seus proxectos, o que supón que estas dúas actuacións terán un custe 0 para o Concello de Pontevedra”, afirmou o portavoz municipal do PSOE.
Iván Puentes fixo fincapé na relevancia deste anuncio, xa que “estamos a falar, en definitiva, de investir 25 millóns de euros no futuro de Pontevedra, porque, ademais de recuperar e gañar para a todos e todas nós estes espazos naturais, son 25 millóns de euros que xerarán emprego na nosa cidade, oportunidades de traballo para as nosas empresas e, cando estean executadas as obras, novos recursos turísticos que atraerán a máis xente a Pontevedra e xerarán máis actividade económica e máis emprego neste sector”.
Nunha comparecencia que tivo lugar tras unha reunión co europarlamentario Nicolás González Casares, poñente para a reforma do mercado eléctrico europeo, Puentes destacou “o feito de facer este anuncio desde aquí, desde Bruxelas, a capital da Unión Europea e a sede do Europarlamento, da Comisión e das principais institucións comunitarias, porque delas veñen os fondos que nos permitirán executar estas actuacións e porque durante a nosa visita destes días (no que estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco) puidemos confirmar con diversos responsables políticos e funcionarios da Unión que tódolos proxectos nos que levabamos traballando con Costas desde hai máis dun ano son financiables con cargo aos fondos Next Generation”.