- Os obradoiros desenvolveranse a partir da vindeira semana en locais das asociacións Cultural de Campañó, O Crabadoiro (San Andrés de Xeve), Veciños de Campolongo, Federación Castelao, Mulleres Amarinda (Mourente), Moldes (Mourente), Verducido, Salcedo, Lourizán, Cultural A Queimada (Reiriz), Esperta Xeve (Santa María de Xeve), Fundación Secretariado Xitano, Gremio de Mareantes, O Mirador (Monte Porreiro) e Veciños O Burgo
A Concellería de Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo) porán en marcha na vindeira semana uns talleres de Envellecemento Activo destinados a persoas maiores de 55 anos en centros sociais de diversas parroquias e barrios de Pontevedra. Os obradoiros teñen os obxectivos de previr a deterioración neuronal e mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, traballando aspectos como a activación das funcións neuronais e funcionais a través de actividades como a estimulación cognitiva e física, a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia, as gnosias, as praxias e as funcións executivas.
A actividade diríxese a persoas maiores de 55 anos que carecen de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa e está pensada para grupos dun máximo de 15 participantes. Segundo explica o concelleiro socialista Marcos Rey, “os talleres desenvolveranse en locais sociais das asociacións Cultural de Campañó, O Crabadoiro (San Andrés de Xeve), Veciños de Campolongo, Federación Castelao, Mulleres Amarinda (Mourente), Moldes (Mourente), Verducido, Salcedo, Lourizán, Cultural A Queimada (Reiriz), Esperta Xeve (Santa María de Xeve), Fundación Secretariado Xitano, Gremio de Mareantes, O Mirador (Monte Porreiro) e Veciños O Burgo”.
Estes obradoiros levaranse a cabo aplicando distintas técnicas e traballos grupais que axudarán a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Antes do seu comezo, unha traballadora social de Afapo informou do proxecto a tódalas persoas interesadas e unha psicóloga levou a cabo unha valoración cognitivo-funcional para descartar a posibilidade dunha deterioración cognitiva sen diagnosticar a través de diversos test: min-exame cognitivo de Lobo (que valora as alteracións cognitivas do paciente), test do reloxo de Battersby, Bender, Pollack e Kahn (onde se avalía de xeito rápido o estado cognitivo do paciente, as funcións visoperceptivas, vasomotoras e visoconstrutivas, planificación e execución motora) e test das fotos de Canero Pardo e Montoro Ríos (que avalía a memoria inmediata, o recordo, a denominación e a fluidez verbal).
Entre os resultados que se agardan obter con estes talleres de Envellecemento Activo inclúense os seguintes: activar as funcións neuronais e funcionais mediante a realización de diferentes actividades como a estimulación cognitiva e física; reducir os factores de risco e da propia enfermidade; promover espazos de encontro e intercambio de experiencias; potenciar a independencia dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade; concienciar á sociedade sobre a importancia de estar activos para evitar así a aparición de enfermidades neurodexenerativas; potenciar as relacións sociais, e proporcionar técnicas para maximizar o grao de independencia e participación nas actividades da vida diaria.
Tal e como lembra Marcos Rey, a colaboración institucional para a celebración destes obradoiros é o resultado dunha visita que o concelleiro de Benestar Social realizou ao centro terapéutico de Afapo (rúa da Curtidoira, 3, baixo) en novembro do ano pasado e na que mantivo un encontro co presidente do colectivo, José Manuel Fontenla, e outros membros da súa directiva, así como con varios usuarios e persoal da asociación. Ao seu xeito de entender “o envellecemento activo xoga un papel moi importante á hora de afrontar a senectude e previr as enfermidades neurodexenerativas e a deterioración das capacidades psicofísicas nestas etapas”.
No caso do Alzhéimer, trátase dunha enfermidade primaria, dexenerativa e de carácter progresivo, que afecta ás células cerebrais, causando a morte progresiva das neuronas. Para frear ou mitigar dita progresión, ademais do tratamento farmacolóxico, resulta de vital importancia a intervención terapéuticca e cotiá, traballando aspectos como a psicomotricidade, a estimulación cognitiva, a laborterapia… Polo que os talleres de Envellecemento Activo supoñen unha das principais actividades de prevención de enfermidades neurodexenerativas.