O alumnado do CEIP Vilaverde pon en marcha o proxecto de reforestación O Bosque da Esperanza no Monte da Fracha

33
  • A iniciativa, impulsada en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible, a Comunidade de Montes de Tomeza, a empresa PreZero, a Misión Biolóxica de Galicia e Veteris Jardines, estará protagonizada por estudantes de 1º a 6º de Primaria e traducirase na plantación de 300 árbores autóctonas (unha por rapaz participante)
  • A xornada inaugural de mañá contará coa presenza do concelleiro socialista Iván Puentes e mailo responsable de RSC de PreZero España, Martín Espín Ortiz

No contexto dos actos conmemorativos arredor do 22 de abril, Día Mundial da Terra, o alumnado do CEIP Vilaverde (Mourente) porá mañá en marcha un proxecto de reforestación denominado O Bosque da Esperanza, que se traducirá na plantación de 300 árbores autóctonas (unha por rapaz participante) en tres hectáreas de terreo acondicionado no Monte da Fracha. A iniciativa, impulsada en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible, a Comunidade de Montes de Tomeza, a empresa PreZero, a Misión Biolóxica de Galicia e Veteris Jardines, levarase a cabo en tres xornadas: a primeira (a de mañá) cun centenar de estudantes de 2º e 3º de Primaria; o mércores 26 con 100 alumnos de 5º e 6º de Primaria, e o mércores da vindeira semana (3 de maio) con outros 100 rapaces de 1º e 4º de Primaria.

Trátase dunha intervención aprobada na convocatoria Súmate, promovida por PreZero durante 2022 co obxectivo de respaldar proxectos que traten solucións de temática ambiental ou social e que son financiados en gran medida polos empregados da empresa, que doan voluntariamente unha parte da súa nómina e que elixen eles mesmos as propostas a través dunha votación aberta a toda a compañía. A xornada inaugural de plantación contará coa presenza do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o socialista Iván Puentes, e mailo responsable de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de PreZero España, Martín Espín Ortiz.

Tal e como explica Puentes, “o do Bosque da Esperanza foi un dos dez proxectos gañadores na convocatoria promovida por PreZero, o que permitirá reforestar un privilexiado espazo situado no alto dun outeiro do Monte da Fracha, coas incribles vistas da ría de Pontevedra”. “O alumnado do CEIP Vilaverde, que foi formado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e na Axenda 2030, amosa deste xeito a súa fonda concienciación medioambiental, cunha acción coa que dan exemplo e coa que achegan a súa contribución para mitigar os efectos da emerxencia climática: plantando unha árbore coas súas propias mans”, sinala o edil do PSOE.

Non obstante, esta reforestación encaixa co ODS15 (Vida de ecosistemas terrestres) e suporá un incremento do indicador 15.1.1 (Superficie forestal como proporción da superficie total); unha diminución do indicador 15.3.1 (Proporción de terras degradadas en comparación coa superficie total) e un aumento do indicador 15.4.1 (Cobertura de zonas protexidas en lugares importantes para a diversidade biolóxica das montañas) e o indicador 15.4.2 (Índice de cobertura verde das montañas).