Desenvolvemento Sostible destinará 300.000 euros a dotar a Monte Porreiro dun novo parque entre as rúas Irlanda e Luxemburgo

94
  • O concelleiro socialista Iván Puentes explica que a actuación contempla unha comunicación accesible entre ámbalas rúas cara ao centro de saúde do barrio, a xeración dunha rede de camiños, a instalación dunha zona de elementos deportivos biosaludables para diversas idades e a creación dun espazo multifuncional con zona cuberta e gradaría para diferentes actividades
  • O proxecto de mellora paisaxística integral prevé a construción dunha rampla de acceso cara á rúa Reino Unido e o centro de saúde e a creación dun novo miradoiro con bancos cara á zona do río Lérez, ao eliminarse o seto existente

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, destinará un orzamento de 300.000 euros a dotar a zona norte de Monte Porreiro dun novo parque no espazo verde delimitado entre as rúas Luxemburgo e Irlanda. A actuación, que dará resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste contorno, contempla unha comunicación accesible entre ámbalas rúas cara ao centro de saúde da urbanización, a xeración dunha rede de camiños, a instalación dunha zona de elementos deportivos biosaludables e a creación dun espazo multifuncional con zona cuberta e gradaría para a realización de diversas actividades.

Ademais, construirase unha rampla de acceso cara á rúa Reino Unido e o centro de saúde e crearase un novo miradoiro con bancos cara á zona do río Lérez, ao estar prevista a eliminación do seto existente. Segundo explica Iván Puentes, “as zonas libres que conforman o parque do contorno das rúas Luxemburgo e Irlanda son consecuencia do desenvolvemento da urbanización de Monte Porreiro, onde que se creou dende o último terzo do século pasado a maior bolsa de vivenda pública da cidade”, e este proxecto “formula a xeración dun novo parque cuns axeitados estándares de calidade medioambiental, paisaxística e de funcionalidade”.

“Dando resposta á demanda veciñal dunha comunicación coas rúas Irlanda e Reino Unido, un percorrido accesible permitirá salvar con comodidade o desnivel existente mediante unha rampla. Asemade, tamén a petición dos veciños, crearemos un parque de calidade onde poderán estender as súas vidas cara ao exterior das vivendas, dotando esta área verde de zonas de estancia con algún espazo protexido para desenvolver diferentes actividades (musicais, para rapaces…) e dun novo miradoiro, coa eliminación do seto que na actualidade tapa as vistas cara ao outro lado do Lérez. Do mesmo xeito, outro aspecto que os habitantes de Monte Porreiro nos pediron é a incorporación dunha zona deportiva con elementos biosaludables”, precisou Puentes.

Así, o proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible traducirase na construción dunha pérgola de deseño cuberta con unha zona de estancia e gradaría asociada; o novo miradoiro con bancos cara ao Lérez; unha rampla de acceso cara á rúa Reino Unido e centro de saúde do barrio; unha nova rede de camiños de material terrizo que artelle o espazo cara á pérgola e á zona do miradoiro e o centro de saúde, e a dotación de elementos deportivos biosaludables de calidade pensados para diversas idades.

O socialista Iván Puentes tamén fai fincapé “nun elemento transversal que está a marcar tódalas intervencións impulsadas desde esta Concellería, que é a adaptación dos proxectos á loita contra o cambio climático a través da mellora dos ecosistemas de Pontevedra”. Nesta mellora paisaxística integral contémplase a dotación dun sistema de rega sostible en noiros e pradeiras.