A escritora pontevedresa Fina Casalderrey será homenaxeada pola AELG o vindeiro 10 de xuño no Teatro Principal 

170
Trátase dunha cita aberta ao público na que se lle entregará unha peza escultórica, ao tempo que na mesma xornada será descuberto un monolito conmemorativo ao carón do río Lérez
A autora nada en Xeve está tamén nomeada ao chamado Nóbel  de literatura infantil e xuvenil, o Premio Hans Christian Andersen 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa edil de Cultura, Carme Fouces, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Césareo Sánchez; presentou esta mañá a XXIX edición da homenaxe ‘A escritora na súa terra – Letra E’ que recaerá sobre Fina Casalderrey.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da nomeada asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras e escritores es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Figura como unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación da árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monolito conmemorativo.

Así, a edil de Cultura sinalou que a escolla de Fina Casalderrey para esta homenaxe «é unha gran noticia na que levamos traballando xa un tempiño e que nos fai estar realmente contentas de podela anunciar». «Trátase dunha homenaxe merecidísima á nosa gran escritora».

Fouces lembrou que o panorama galego e o panorama pontevedrés «é forte porque mulleres como Fina Casalderrey están neste e pertencen a este. É un luxo ter entre as nosas veciñas a unha muller que neste momento é candidata do Estado español ao chamado Nóbel de literatura infantil e xuvenil como é o Hans Christian Andersen».

Pola súa banda, Césareo Sánchez quixo agradecerlle ao Concello de Pontevedra a súa implicación nesta homenaxe, que se desenvolverá a través de varios actos. Nesta ocasión, ás 11.30 horas ao carón da Ponte das Palabras e do río Lérez, en Monte Porreiro, será descuberto o monolito conmemorativo para a escritora, ao tempo que é plantada unha árbore escollida pola mesma. Unha hora escasa máis tarde, ás 12.30 horas, no Teatro Principal, farase entrega da peza escultórica coa Letra E, nun acto que contará coa participación do alcalde, o presidente da AELG, Montserrat Pena Presas, Soledad Penalta (creadora da nomeada peza) e, por suposto, de Fina Casalderrey. Finalmente, está previsto un xantar de confraternidade no Liceo Casino de Pontevedra. 

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que Fina Casalderrey terá unha homenaxe «absolutamente merecida» xa que «non creo que haxa ninguén neste concello e moito menos en Lérez, Xeve ou Monte Porreiro que non ame a Fina Casalderrey». «Préstanme moitas cousas dela: a súa traxectoria literaria, o seu amor por Pontevedra, polo río, por Xeve… Ela escolleu onde será colocado o monolito, e foi precisamente nese entronque entre Monte Porreiro, Lérez e Pontevedra. É o sitio máis axeitado para facelo».

O rexedor lembrou que o colexio de primaria do barrio leva o seu nome, «que ama este país, pero sobre todo que ama a lingua». «Fina fala cunha delicadeza, cun coñecemento fondo, cunha naturalidade e unha sonoridade polas que che gustaría pasar horas escoitándoa».

Lores sinalou que este será un acto para toda a cidade, polo que invita a todos os veciños e veciñas de Pontevedra que leran os seus libros, que participan no Salón do Libro e que lle queren a esta cidade e a Fina Casalderrey, a que asistan a esta homenaxe.