O Concello estudará vías alternativas para unha nova adxudicación do contrato de residuos municipais 

6
O edil de Xestión de residuos, Raimundo González, sinalou a «resistencia do sector ao cumprimento dos obxectivos marcados pola presente lei», mais indica que a cidade «non renunciará aos obxectivos medio ambientais» que se queren para Pontevedra 

O concelleiro en funcións de Xestión de residuos, Raimundo González, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta das últimas novidades ao respecto co novo contrato de xestión de residuos municipais e que logo da súa saída a licitación e rematar o proceso de presentación de ofertas sen recepcionarse nas dependencias municipais ningunha.

«Este contrato abarca todas as tarefas do ciclo de residuos, algo realmente novidoso, pois incluía a recollida, o tratamento dos residuos, a limpeza viaria…», lembrou o edil. «Pasaba a considerar o residuo como un recurso, amais de presentar unha corresponsabilidade entre a empresa e o Concello, e ditaba que a retribución variaba en funcións dos resultados obtidos, o que se traducía en que a maior reciclaxe, maior retribución, por exemplo».

O nomeado contrato era o primeiro da súa clase en estar adaptado a nova Lei de Residuos, polo que recollía diversos cambios, moitos deles novidosos, a través dos seus pregos. Este contexto quixo ser posto de novo en valor por González pois «en función non só disto, senón das manifestacións realizadas por algúns operadores, hai unha resistencia desde as empresas do sector á lexislación en materia de residuos, máis concretamente a esta última lei, a 7/2022 do 8 de abril».

González puxo como exemplo algunhas das conversas informais mantidas coas empresas do sector ao longo do proceso de licitación, durante as que amosaron certas dúbidas ou malestar por, por exemplo, esa retribución variábel e dependente do cidadán, «cando son estes os que pagan o contrato». «En poucas palabras, criticaban este incertidume que nós recollíamos, e tamén amosaban dúbidas cos obxectivos marcados pola propia lei».

O concelleiro sinalou que este sector «está acostumado a un tipo de retribución determinada», ao cobrar un canon fixo, e non ven correcto un cambio nese sentido. «Amosan unha clara resistencia ao cumprimento dos obxectivos da nova e presente lei. Entra dentro da lóxica do tira e afrouxa».

De cara ao futuro, o edil lembrou que nestes primeiros pasos haberá que resolver e saber se esta área seguirá nas súas mans ou pasará a outras (referenciando as recentes eleccións municipais e as posíbeis negociacións ou pactos de Goberno que puidesen suceder), mais está claro que o primeiro obxectivo sería sempre «cumprir a lei». «Outra das cuestións é manter esa política estratéxica medio ambiental que nós fixamos. De cara ao futuro os obxectivos propostos no contrato actual serían irrenunciábeis. Que saídas temos? Hai que estudalas e valoralas, pero está claro que se perseguimos uns obxectivos debemos logralos. Cabe, por exemplo, explorar outras vías contractuais como pode ser pasar cun contrato de concesión de servizos a un contrato de servizo, o que simplificaría certas cuestións. Hai outras vías e outras figuras contractuais».

González indicou que este proceso «non é un fracaso», lembrando que proxectos de forte calado económico na cidade tamén quedaron desertos no seu día, como a construción do novo Hospital de Montecelo. «O Concello fixo ben o seu traballo, podemos ter a satisfacción do traballo ben feito, xa que perseguimos uns obxectivos determinados. O sector ponos a proba, e eu teño que dicir que non me dobrego ante el. Quero uns obxectivos medio ambientais concretos para a miña cidade e vou pelexar por eles, sexa como sexa. Teremos que modificar o tipo de contrato no futuro e se se dan as cousas? Pode ser, pero irémolo vendo e estudándoo».