- O concelleiro de Desenvolvemento Sostible manterá un encontro co alcalde da capital alpina, Eric Piolle, e participará nunha mesa de debate baixo o título ‘Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!’ xunto con Simone Raskob, concelleira da cidade de Essen (Alemaña); Henry Cáceres, director do departamento Barranquilla Verde da cidade de Barranquilla (Colombia), e Thierry Chastagner, moderador e concelleiro de Grenoble
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, estará esta fin de semana en Grenoble (Francia) para expoñer os proxectos e experiencias da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe na Biennale des Villes en Transition, un dos foros internacionais. Puentes participará mañá ás 10:00 horas no Parque Georges Pompidou, dentro deste importante foro internacional, nunha mesa redonda baixo o título ‘Sharing Perspectives: Long live nature in the city!’ (‘Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!’), que compartirá con Simone Raskob, concelleira da cidade de Essen (Alemaña); Henry Cáceres, director do departamento Barranquilla Verde da cidade de Barranquilla (Colombia), e Thierry Chastagner, moderador e concelleiro de Grenoble.
Ademais, o concelleiro que tamén asistirá a outros eventos e actividades que se desenvolverán dentro desta Bienal, aproveitará a súa estancia na capital dos Alpes franceses para manter un encontro co alcalde de Grenoble, Eric Piolle, do partido ecoloxista Europe Écologie Les Verts. A reunión, que terá lugar mañá ás 17:30 horas, permitirá acadar sinerxías de colaboración e intercambiar experiencias co rexedror dunha cidade que foi Capital Verde Europea en 2022 e que se ten convertido nun dos maiores escaparates mundiais da sostibilidade. Non obstante, en base aos datos do Observatorio Auvergne-Rhône-Alpes, entre 2005 e 2018, Grenoble foi quen de reducir nun 30% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro, un índice que, segundo a Comisión Europea, agarda elevar até o 50% para 2030.
Segundo sinala Iván Puentes, “Grenoble é unha urbe referente a nivel internacional en desenvolvemento sostible, loita contra o cambio climático e reverdecemento urbano e aproveitaremos este foro para explicar tódolos proxectos que estamos a desenvolver a través da estratexia Pontevedra Flúe para integrar o río Lérez, os afluentes e zonas verdes na trama urbana da cidade, así como o pioneiro Plan de Infraestruturas Verdes que xa estamos a deseñar e que está a despertar un enorme interese noutros socios do Partnership Greening Cities da UE (do que Pontevedra forma parte xunto con cidades como Roma, Lisboa, Tampere, Malmö ou Utrecht)”.
“Imos ilustrar o que facemos aquí, para que Pontevedra serva de exemplo ao resto de Europa e ás cidades que, como nós, están preocupadas pola loita contra o cambio climático. Trátase de facer disto non só unha estratexia de compromiso medioambiental, senón tamén unha estratexia de desenvolvemento e de xeración de actividade económica e emprego. Procuraremos ademais aprender, xa que estas viaxes sempre permiten traer a Pontevedra experiencias positivas doutras cidades, perfeccionar o noso modelo, ir afinando os proxectos que temos por diante e que teremos que presentar a futuras convocatorias de fondos europeos a partir deste ano”, asegurou Puentes.