Os edís Demetrio Gómez, Carmen Fouces e Xaquín Moreda estiveron presentes na concentración realizada esta mañá ás portas do Centro Integrado de Formación Profesional A Xunqueira
O Concello de Pontevedra considera que a Xunta de Galicia, co presidente Rueda ao mando, «acaba de tomar unha decisión inxusta, extemporánea e que ademais atenta contra todos os avances propiciados nos últimos anos polo feminismo». Así o sinala o edil Demetrio Gómez, presente xunto con Xaquín Moreda e Carmen Fouces na concentración realizada nas portas do Centro Integrado de Formación Profesional A Xunqueira, tralo anuncio por parte da Consellería de Eduación do peche de seis das súas aulas.
A decisión tomada desde a entidade autonómica, elimina os ciclos presenciais de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios, e o Ciclo Superior de Integración Social e de Promoción da Igualdade de Xénero, limitando de xeito notable a oferta de ciclos pertencentes á familia profesional de Servizos Socioculturales e Comunidade.
«O peche do ciclo de FP Básica da Xunqueira atenta contra os dereitos das persoas que están na situación máis vulnerábel na nosa sociedade», indicou Gómez. «O Concello de Pontevedra sempre loitou e sempre traballa por un ensino público de calidade, máis aínda se é, como neste caso, ao carón da sociedade pontevedresa que se organiza para defender o seu ensino»
O Concello pontevedrés quere transmitirlle todo o seu apoio á comunidade educativa dos centros da Xunqueira e do Luís Seoane, «nesa loita que acaba agora comezan para defendermos os dereitos de toda a sociedade».