O alcalde reestrutura as competencias do Goberno Local de cara ao inicio «dunha nova etapa» para Pontevedra 

118
O Goberno pasa a estar composto por cinco eidos distintos, atendendo a criterios de minimización que permitan unha maior eficiencia e coordinación no traballo diario
Miguel Anxo Fernández Lores é o novo portavoz do Goberno Municipal  e a primeira tenencia de alcaldía é para Eva Vilaverde Pego 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da constitución da Xunta de Goberno Local o sábado 17 de xuño, tralo pleno de investidura, procedéndose coas delegacións de competencias entre os diferentes edís.

«Queremos lograr unha administración máis eficiente e funcional, adaptada aos novos tempos. É unha decisión que tomamos despois de dicir, por activa e por pasiva, que esta sería unha nova etapa, e así foron tomados os acordos que hoxe expoño aquí», indicou o rexedor.

Dento das claves transmitidas por Lores de cara ao mandato xa iniciado, estaría a de aumentar a coordinación do goberno así como dotalo dunha mellor estrutura interna. Así, a definición e estruturación do Goberno sería a seguinte:

  • Alcaldía
  • Servizos Centrais
  • Territorio e Ambiente
  • Servizos Municipais e Urbanos
  • Igualdade e Promoción do Benestar

Estes ámbitos ou eidos estarán divididos en Áreas de Xestión, sendo as menos numerosas posíbeis, e respectado criterios de minimización.

Tal e como revelou o alcalde, no novo mandato remata unha etapa e, sobre todo, iníciase unha nova, realizándose a asignación de delegacións e responsabilidades cos seguintes criterios:

  • Máxima igualación posíbel da carga de traballo entre as persoas concelleiras. Esta carga determínase en base a experiencia acumulada sobre a carga real que supón cada ámbito, cada área e cada servizo, e a carga previsíbel para este mandato en aplicación dos criterios antes expostos.
  • Asunción cabal e a fondo de que se inicia unha nova etapa, coa mente limpa e con novas ideas e proxectos. Por esta única razón, organízase o goberno con cambios moi profundos sobre as competencias que se viñan desenvolvendo anteriormente.
  • Estes profundos cambios, se se quer esta revolución, afecta a estrutura do goberno e a todos e cada un dos membros do goberno, comezando pola Alcaldía que pasará a exercer directamente máis funcións que até agora.

Afondando na estrutura do Goberno e na asignación de responsabilidades, a distribución de competencias quedaría do seguinte xeito:

  • ÁMBITO: ALCALDÍA

Portavocía do goberno. Coordinación e dirección política do goberno. Relacións con outras administracións, convenios con outras administracións e entes do sector público, infraestruturas e actuacións de outras administracións e entes públicos, salvo ás que se deleguen puntual e expresamente.

  • ÁMBITO: SERVIZOS CENTRAIS. Coordinadora: Eva Vilaverde Pego.

Área legal e económica. Responsábel: Raimundo González Carballo: 

Secretarías, Asesoría Xurídica, Contratación, Contratos de auga e de residuos, Intervención, Facenda, Tesourería, Ordenanzas fiscais e económicas, Orzamentos e as súas modificacións. Xestión dos fondos europeos. 

Área de servizos non territorializados. Responsábel Eva Vilaverde Pego:

Xestión de recursos humanos. Protección cidadá: policía, bombeiros, protección civil. Ocupación de espazos públicos. Patrimonio, Réxime Interior, Padrón, novas tecnoloxías na administración.

  • ÁMBITO: TERRITORIO E AMBIENTE . Coordinadora: Carme da Silva.

Área de planificación do territorio. Responsábel Carme da Silva Méndez: 

Ordenación do territorio e do ambiente natural, urbanismo, disciplina ambiental e urbanística. Xestión urbanística e ambiental. Actuacións en materia de vivenda, ARI’s. Patrimonio histórico edificado e etnográfico. 

Área de xestión ambiental e territorial. Responsábel Mº Xosé Abilleira:

Infraestruturas, dotacións e servizos municipais no rural: de nova planta e sostemento dos existentes. Parques forestais. Rios, praias, fontes e lavadoiros no rural.

  • ÁMBITO:  SERVIZOS MUNICIPAIS E URBANOS. Coordinador : César Mosqueira.

Área de servizos urbanos básicos. Responsábel Xaquín Moreda:

Sostemento dos espazos públicos urbanos e dos elementos de urbanización. Recollida e tratamento de residuos. Limpeza viaria. Subministro municipal de auga potábel. Fontes urbanas. Recollida de augas residuais.  Parques, xardíns, espazos libres e praias urbanas.   

Área de mellora urbana. Responsábel César Mosqueira:

Ordenación da mobilidade urbana. Impulsión do PMUS. Urbanizacións e reurbanizacións. Estacionamentos: Xestión dos estacionamentos en réxime de concesión. Ordenación do estacionamento en vías públicas en todo o ámbito urbano. Transporte público.

  • ÁMBITO: IGUALDADE E PROMOCIÓN DO BENESTAR. Coordinadora: Anabel Gulías 

Área de dinamización social e cultural. Responsábel: Demetrio Gómez:

Actividades culturais e sociais. Festas. Xestións das instalacións municipais socio culturais. Normalización lingüística e cultural. Memoria Histórica. Educación nos seus diferentes niveis. Xuventude.

Área de promoción da  igualdade, do benestar, da saúde e da economía. Responsábel Anabel Gulías: 

Igualdade. 

Actividade física e deportiva. Xestión das instalacións de actividade física municipais. Envellecemento activo. Servizos Sociais. Sanidade. Sanidade animal; refuxio. Cemiterios.

Políticas de emprego. Promoción exterior da cidade e do turismo. Grandes eventos. Sociedade de turismo. Mercados, matadoiro. Consumo responsábel. Promoción do uso das novas tecnoloxías. 

Por último, o rexedor da cidade indicou que a primeira tenencia de alcaldía quedaría en mans de Eva Vilaverde Pego, sendo as demais para os membros da Comisión de Goberno segundo o orde da listaxe