O alcalde ofrece os seus parabéns ao coro A Xunqueira logo de lograr a prata no VIII Concurso Nacional de Coros Escolares 

16
O rexedor, acompañado do edil de Educación, Demetrio Gómez, achegouse até a aula de música do IES Xunqueira 1 na que celebraran o seu derradeiro ensaio antes do verán 

O camiño de éxitos do coro A Xunqueira segue aumentando o seu trazado. A formación pertencente ao IES Xunqueira 1 logrou a segunda posición no VIII Concurso Nacional de Coros Escolares celebrado en Madrid hai pouco máis dunha semana. Era a cuarta vez que chegaban á súa final e a segunda que lograban a prata —gañaron o primeiro premio no 2018—.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo parabenizar a todo o alumnado que forma parte do colectivo musical, así como ao profesorado do centro que colabora de xeito activo co mesmo, de xeito especial á profesora de Música María Luisa Sánchez González, que hai 18 anos comezou con esta iniciativa xuvenil.

Lores puido escoitar dúas das cancións que o coro ten no seu ecléctico repertorio e aproveitou a ocasión para dirixirse ao alumnado cunhas palabras, lembrándolles a importancia do esforzo e da constancia á hora de manter vivo calquera proxecto, pois todo o que aprendan dentro do coro serviralles o día de mañá nas súas vidas, tanto a nivel laboral como persoal. Doutra banda, o alcalde agradeceulles o seu traballo á hora de representar Pontevedra polo mundo como o fan deportistas, artistas ou calquera outra persoa que leve o nome da cidade fóra das súas fronteiras, subliñando o orgullo que sente ao ver que Pontevedra continúa creando referentes.