Tras proclamarse campiona do mundo xunto coas súas compañeiras, a deportista chegará mañá á Boa Vila onde recibirá o agarimo e as felicitacións da súa veciñanza
A futbolista asinará o libro de honra da cidade e será recibida pola corporación municipal no Pazo de Mugartegui
A Praza da Pedreira será o lugar escollido para aplaudir de xeito conxunto os fitos logrados por Tere Abelleira durante a Copa Mundial Feminina da FIFA 2023, celebrado en Australia e Nova Zelanda. Este xoves, 24 de agosto, a cidade de Pontevedra poderá felicitar ao unísono a súa veciña, logo dunha longa viaxe de volta na que retorna como campioa do mundo.
Ás 20.30 horas comezará a recepción oficial no Pazo de Mugartegui da xogadora por parte da corporación municipal de Pontevedra, para logo pronunciar unhas palabras o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, seguido das verbas de Teresa Abelleira. A continuación a xogadora de fútbol asinará no libro de honra da cidade, recibirá un agasallo institucional para finalmente procederse co saúdo desde o balcón do nomeado Pazo, cara á Praza da Pedreira. Sobre as 21 horas está prevista a finalización do acto.
O acto dentro do Pazo terá unha asistencia limitada á familia e representantes institucionais, quedando a Praza da Pedreira como punto chave para a celebración pública e aberta.