O Concello acelera a concesión de licencias urbanísticas ao quedar exento do informe de servidumes aeronáuticas 

67
A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) notificou ao Concello que está exento da solicitude dese informe sectorial no caso de construcións que non superen os 45 metros de altura. No caso de Pontevedra ningunha edificación supera esa altura
A decisión supón aforrar semanas de tramitación nas licenzas urbanísticas 

A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) vén de notificar ao Concello de Pontevedra que está exento de solicitar o informe de servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo que até o de agora era obrigatorio para a concesión de todas as licenzas de edificación (novas ou de rehabilitación) que se realizasen no termo municipal. O Concello de Pontevedra que ten solicitado esta exención considera unha “boísima nova” a decisión polo que suporá acelebrar os trámites urbanísticos de boa parte das licenzas que tramita e mellorar a resposta de cara ao cidadán.

O acordo recolle “conceder a exención de solicitude de autorización á execución de construcións, instalacións ou plantacións en todo o termo municipal” con excepción de proxectos que superen os 45 metros de altura. Tamén inclúe outras excepcións máis sectorais como a emisión de fumes ou instalacións de placas solares de complexos industriais, nestes casos habería que solicitar o informe.

No caso de Pontevedra este acordo está totalmente en consonancia do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permite unicamente a edificación en altura de baixo máis seis plantas, que non se achegan aos 45 metros de altura. A resolución afecta a todo o casco urbano e os núcleos rurais que estarán exentos de solicitar este informe sectorial que supoñía demorar varias semanas a concesión da licenza de obra.

Aínda que se poida tratar dun trámite administrativo, na realidade a exención da obriga de presentar este informe sectorial e incorporalo ao expediente supón adiantar en semanas a concesión das licenzas que, na maior parte, están integradas por informes sectorais que o Concello ten que reclamar a outras administracións e moitas veces responsables da demora da concesión dos permisos das obras.