A competición suma xa dezasete equipos e vivirá o seu derradeiro día competitivo o 8 de xullo do 2024
A edil de Deportes, Anabel Gulías, quixo subliñar a importancia da petanca á hora de dinamizar a práctiva deportiva, mais tamén á hora de xerar novas liñas de socialización entre as parroquias e a cidade
A Liga de Petanca Concello de Pontevedra está a piques de comezar unha nova tempada. A xornada inaugural celebrarase este sábado, 9 de setembro, e dará o disparo de saída a unha competición na que participarán até un total de 17 equipos distintos.
A edil de Deportes, Anabel Gulías, ofreceu unha rolda de prensa hoxe acompañada da xunta directiva encargada da organización da liga, co presidente José Luis Gallego Canda ao fronte. «Préstame especialmente presentar esta tempada porque cómpre lembrar que todas as persoas participantes non só xogan a petanca, que é importante, senón porque tamén organizan xornadas de traballo en centros educativos, dinamizan as parroquias… Falamos dun grupo de persoas que poñen en valor a práctica deportiva da nosa contorna», indicou.
Gulías subliñou a importancia da petanca á hora de crear comunidade, de fomentar «o pasar tempo xuntos e xuntas» e, en nome do Concello, «agradecerlles todo o seu traballo».
Por diante quedan 34 xornadas de petanca nas que os dezasete equipos medirán as súas forzas co obxectivo de lograr o título anual, en posesión do Pote de Mourente. «Seguiremos apoiando este tipo de propostas, seguiremos ao seu carón e agardamos que siga medrando, tanto en número de equipos como na súa práctica, ademais de traballar na posta en valor de todo o que comporta a celebración deste tipo de ligas».
Desde a organización sinálase que todos os xogadores e técnicos deberán vixiar para que prevaleza o xogo limpo durante toda a competición, o que conleva algo máis que cumprir as normas do xogo, acadando os compectos de amizate e respecto ao adversario, e tamén a ética deportiva.
Gallego agradeceu o labor do Concello no apoio loxístico e económico para poder celebrar a competición, lembrando que comezou «como un grupo de amigos» hai xa oito anos, medrando até o día de hoxe. «Hai un labor deportivo, mais tamén hai un labor social durante a liga», subliñou. «A petanca é para a xente maior? En parte é verdade, temos unha media de idade de máis de 50 anos, pero estamos orientando e traballando en divulgar a petanca entre a xente máis moza, moi a modo, tendo en contacto coas escolas, propoñendo que a petanca tamén se practique nestes centros».
O presidente da xunta directiva sinalou como a práctica da petanca «crea amizade» e favorece a vida nas parroquias, xerando unha actividade que remata cunha socialización evidente, chea de anécdotas.
A liga ten posta a súa derradeira xornada competitiva o 8 de xullo do vindeiro ano. Nesta tempada 2023-2024 participarán os seguintes equipos: O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Santo Andrés de Xeve, C. Social Pontevedra, O Pote de Mourente, O Carballo de Mourente, A Corticeira de Bora, Verducido, Salcedo Norte, San Martiño Salcedo, Petanca Marín, C.P. Areales, S.C.D. Marcón, C.P. O Burgo, Santarita, C.P. A Parda e Rápido de Xeve.