Abe Rábade, Paco Charlín, Virxilio da Silva e Max Gómez serán os mestres encargados das clases ao longo dos vindeiros meses, con até dez grupos de alumnos distintos
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, participou esta mañá de luns, 18 de setembro, na presentación do 23º Seminario Permanente de Jazz (SPJ). Trátase dunha iniciativa docente e musical que leva máis de vinte anos sendo unha referencia dentro do jazz galego e estatal.
Luis Carballo e Paco Charlín acompañaron ao edil para explicar polo miúdo a experiencia que ao longo dos vindeiros meses será desenvolvida na Boa Vila. «Pontevedra converteuse nun referente relacionado co jazz grazas a unha programación anual impresionante», sinalou Gómez. «O Festival de Jazz e o SPJ fan que Pontevedra teña un carácter único entre todas as cidades galegas».
O SPJ desenvólvese ao longo de todo ano, a través de diferentes sesións e clases de combo, Interpretación e Improvisación, cun carácter fundamentalmente práctico e colectivo, sendo, en palabras de Carballo, «unha experiencia na que buscamos ensinarlle á xente a tocar en conxunto». «É unha actividade que vai desde finais de setembro e principios de outubro, até o mes de xuño, intre no que se ofrece o concerto de fin de curso».
Charlín agradeceulle á colaboración ao Concello de Pontevedra á hora de permitir a celebración do SPJ na cidade ao longo de todos estes anos, lembrando que «é posíbel, a día de hoxe, dicir que o 70 % dos músicos de jazz que hai no noso país veñen da man do SPJ de Pontevedra».
O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 1 de outubro, podendo solicitar o formulario a través da web http://www.pontejazz.org/.