Lores: «O reto máis inmediato que temos é o de consolidareste Concello como un lugar de altísima calidade de vida» 

47
O rexedor realizou este mércores unha valoración dos primeiros 100 días do novo mandato, repasando polo miúdo as decisións estratéxicas e as dinámicas da nova corporación
Lembrou as súas palabras na noite electoral, intre no que a veciñanza «quixo que seguise sendo alcalde» pero tamén quería «que o fixese mellor» 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá para dar conta dos cen días que leva exercendo como rexedor da cidade de Pontevedra, desde o seu novo nomeamento no pasado mes de xuño. 

Fernández Lores estivo acompañado pola tenente de alcalde, Eva Vilaverde, que sinalou como neste mandato «mudou substancialmente a maneira de entender o Goberno», sendo os cen primeiros días «moi intensos e frenéticos». «Todo se está a levar doutro xeito. Conseguimos, de xeito comparativo, que os ritmos estean moi marcados, que haxa maior organización e coordinación e estamos gobernando como planeamos nun principio, sendo máis eficiente e sacando adiante as cousas tal e como as plantexamos neste novo mandato».

O rexedor repasou polo miúdo as diferentes cuestións que se foron abordando ao longo dos últimos meses, tales como os cambios propostos no funcionamento da cidade e do Concello, as decisións estratéxicas tomadas, as dinámicas da nova corporación e a idea de seguir traballando arreo e en base a ese traballo e capacidade, mellorando no seu labor como alcalde. 

«Diríavos que estes tres meses foron os máis intensos que teño vivido neste Concello», explicou o alcalde. «Teño que facer unha valoración positiva de todo o feito e mudado. Hai unha cuestión que comentar de xeito inevitábel, como é a COVID, que unha vez pasada puidemos comprobar que a cidade neste verán funcionou realmente ben, tan ben como queriamos desde hai tempo».

Fernández Lores destacou que Pontevedra segue a ser un cidade fabulosa para vivir e para traballar, cunha calidade de vida excepcional, dinámica e atractiva a nivel turístico. «Este verán houbo unha explosión de turismo en todo o país, e en Pontevedra houbo un incremento claro», indicou. «Temos o turismo que nos presta: un turismo familiar, deportivo, cultural… O verán foi un verán no que Pontevedra botou por fóra, con datos superiores aos anteriores da pandemia».

Logo deste contexto, o alcalde comentou que o reto máis inmediato que temos por diante  é «o de consolidar este Concello como unha cidade cunha altísima calidade de vida, tanto para os que vivimos aquí como para a xente que nos visita». «É unha tarefa de todos os cidadáns e da sociedade en xeral, mais temos claro que quen ten que liderar esa consolidación e esa mellora do modelo ten que ser o Concello. É unha prioridade este mandato e estamos traballando e facendo cousas nese sentido».

O alcalde lembrou que na noite electoral «tomaba nota» ao tempo que «entendía a mensaxe enviada pola cidadanía». «Quedou claro que a veciñanza quería que seguise sendo alcalde de Pontevedra pero quería que o fixese mellor», explicou. Para poder logralo, foron tomadas distintas decisións estratéxicas como a mellora das relacións e colaboracións con outras administracións, asumir a portavocía do Goberno ao tempo que a alcaldía, traballar na organización da administración e do Goberno, simplificar a tomar de decisións, propiciar a participación directa dos cargos directivos na Xunta de Goberno, dotar de máis contido á nomeada Xunta; entre outras moitas cuestións.

O rexedor da cidade quixo deixar claro que «esta é unha nova etapa na que o feito, feito está, pero hai que mirar para o futuro e darlle un novo impulso a acción de goberno». Nese sentido, Lores criticou a postura das outras forzas políticas na oposición, que seguen ollando o pasado, e que seguen levando ao pleno municipal mocións sobre Raíña Vitoria, lombos, baixadas do IBI… «Sempre coa mesma trécola», non deixando nin un só día, «criticando desde o minuto do mandato, obstruíndo, traendo propostas que obrigan a trámites e informes complexos que acaban sendo negativos».

Doutra banda, Lores volveu agradecerlle aos edís do PSOE o seu apoio para facelo alcalde, respectando tamén a decisión dos mesmos de non entrar no Goberno. «Se cambian de decisión, seguro que nos atoparán para facer un Goberno de coalición».

Sexa como for, o alcalde finalizou sinalando que «hai un Goberno en marcha» que nos últimos tres meses tivo presente o declarado durante a noite electoral, tomando nota e tratando de efectivizar a mensaxe recollida, mudando a forma de actuar e traballando o mellor posíbel por Pontevedra.