Albert Plá & Diego Cortés e Guadi Galego súmanse á programación musical de pago do Concello de Pontevedra dentro do novo ciclo ‘Resoan’

258


O Teatro Principal acollerá estes dous eventos que terán lugar respectivamente os días o 24 de febreiro e  13 de abril ás 20.00h. As entradas estarán á venda en Ataquilla.com a partir do 29 de novembro

O concerto ‘The river tour’ do grupo Morgan, xa anunciado e con entradas case esgotadas, terá lugar no Pazo da Cultura o 27 de xaneiro ás20.30h.

Outra das datas comunicada hai meses e coa venda moi avanzada é Mahmood, o 12 de maio no Pazo da Cultura tamén ás 20.30h.

O Concello unifica a programación musical en interiores baixo o paraugas de ‘Resoan’ substituíndo e englobando os ciclos Voices e Matinés e apostando polo horario de tarde-noite.


O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez, presentaba esta mañá a programación musical para o primeiro semestre de 2024 avanzando que “este novo ciclo, ‘Resoan’ vai concentrar a programación de concertos de pago do Concello, independentemente do horario e de se son no Teatro Principal ou no Pazo. Estamos traballando e repensando a programación, introducindo cambios que consideramos necesarios e que responden a achegas e comentarios recibidos por parte do público habitual. Desaparecen polo momento os concertos dos sábados pola mañá.  Veremos como funciona e seguiremos avaliando e recibindo feedback”

O concelleiro repasou os concertos anunciados con anterioridade: Morgan achegará “The river tour” o sábado 27 de xaneiro ás 20.30 no Pazo da Cultura con entradas case esgotadas a prezos entre 14 e 20€ (+ gastos.). A segunda data xa presentada, para algo máis adiante será Mahmood tamén no Pazo da Cultura o  domingo 12 de maio ás 20.30h. con zonas A e B xa completas e prezo de 30€( + gastos). “Estes espectáculos que levan tempo á venda estanse vendendo moi ben, quedan poucas entradas e pensamos que o Nadal e un moi bo momento para mercar e agasallar cultura e experiencias”

“Sobre os novos nomes que completan a programación do semestre, serán Albert Plá con Diego Cortés e Guadi Galego. As entradas para ambos estarán dispoñibles a partir de mañá en Ataquilla.com. E temos un terceiro concerto en vías de xestión que agardamos poder anunciar nas próximas semanas.”

Albert Plá e Diego Cortés o sábado 24 de febreiro ás 20h. no Principal. Músico, cantante, actor, escritor, pallaso, bufón… Pla é un deses exemplares únicos na súa especie cunha capacidade perpetua para conmover, remover e sorprender. A ninguén deixa indiferente

En está ocasión conta  coa complicidade do sorprendente e xenial guitarrista xitano Diego Cortés, coa súa presenza, ten as mans libres e o corpo desatado para converter calquera platea nun escenario onde teatralizar as súas cancións e conseguir un espectáculo dunha poética inusual devastadora e electrizante.

Cancións que contan historias tráxicas e delirantes, cotiás e sorpredentes, delicadas e brutais, crúas e surreales nas cuales o verdugo é tamén vítima, a calma transfórmase en tormenta, a comedia convive coa traxedia e a serenidade desemboca no desenfreo. Todo para facer evidente a estreita liña que separa o ben do mal, o branco do negro, o positivo e o negativo.

Diego Cortés, é o incrible Hulk do flamenco,  compartiu escenario con Mike Oldfield, Santana, Larry Coryell e Paco de Lucía entre outros.

As entradas estarán á venda a partir de mañá mércores 29 de novembro ás 11h. en Ataquilla.com.Entrada anticipada Patio butacas: 14€ +gastos // Anfiteatro: 12€ +gastos.Entrada na taquilla de non esgotarse anticipadamente na venda online: Patio butacas: 17€ +gastos //Anfiteatro: 15€ +gastos

Guadi Galego con ‘Síntese horizonte’ o 13 de abril ás 20h. no Teatro Principal. Un espectáculo que só levará ás taboas de 3 escenarios galegos exclusivamente.

No mes de setembro, Guadi Galego lanzaba co seu sinxelo O.D.A. unha mensaxe ao mundo: Estou tan viva. Sigo viva.

Logo da Roibén (2022) e dun tempo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Neste 2024 regresa cun novo espectáculo, Síntese Horizonte, expresamente concibido para representar, ao vivo, en tres únicas funcións sobre as táboas dos teatros de Galicia.

Síntese Horizonte é unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, Guadi foi aprendendo a desaprender do establecido. Agora, ela, acompañada dunha portentosa banda, e cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena, confirmará o que desexabamos ver, sentir e escoitar: a firme crenza do poder transformador da música ao vivo. Os prezos das entradas, dispoñibles a partir do mércores 29 serán de 15€ anticipada no patio de butacas e 13€ no anfiteatro (ambas + gastos) e, de non esgotarse, na billeteira custarán respectivamente 18 e 16€ + gastos