O CEIP San Martiño e o IES Sánchez Cantón gañadores da quinta edición do premio Ernestina Otero 

79

 O Concello de Pontevedra entregou esta mañá os premios Ernestina Otero nun acto celebrado no Teatro Principal e no que participaron os centros de ensino: CEIP Marcón, San Martiño de Salcedo, CPR Sagrado Corazón de Placeres, IES Valle Inclán, Sanchez Cantón e Luis Seoane de Monte Porreiro. Estes premios pretenden valorar os proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidade.

A entrega destes premios está incluída dentro da programación do 25N e estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, quen recordou que a convocatoria tamén pretende “facer unha sentida e merecida homenaxe á figura de Ernestina Otero Sestelo, mestra que traballou incansablemente por mellorar a calidade do ensino e, sobre todo, por estendelo a toda a poboación, moi especialmente ás nenas”.

Nesta quinta edición dos premios, resultaron gañadores:

Na Categoría A: Educación infantil e primaria. 

O Segundo premio: Polo marco metodolóxico empregado, baseado no traballo interdisciplinar outorgándolle un papel activo ao alumnado e traballando as competencias sociais e cívicas, poñendo en valor a cultura popular da contorna e os valores da igualdade, concédese o segundo premio  ao proxecto “A memoria da auga: lavandeiras e lavadoiros de Marcón” do CEIP de Marcón. 

O primeiro premio: Por buscar a reflexión do alumnado a partir das experiencias propias, procurando a implicación igualitaria nos coidados e no xogo simbólico e avanzar na superación dos estereotipos de xénero nos xoguetes, conseguindo un impacto directo no alumnado e nas familias, concédese o primeiro premio  ao proxecto “Xogaldade: xogando en igualdade” do CEIP San Martiño.

Na Categoría B: Educación secundaria e postobrigatoria non universitaria. 

Segundo premio: Pola diversidade e continuidade nas actividades realizadas, contemplando o factor da multiculturalidade e incidindo na construción dun espazo igualitario e seguro que sexa atractivo nos seus valores, pero tamén na súa alegría, concédese o segundo premio ao proxecto “Igualdade desde a transversalidade” do IES Luis Seoane.

Primeiro premio: Por aplicar unha perspectiva integradora, esforzándose en desenvolver actividades que cheguen a toda a comunidade educativa e establezan sinerxias entre axentes sociais da cidade partindo dunha visión do proxecto como servizo á comunidade, concédese o primeiro premio ao proxecto “ADIANTADXS” do IES Sanchez Cantón.

O xurado fixo unha mención especial ao IES Valle Inclán polo traballo realizado en tan só sete meses de vixencia e pola boa acollida e participación de seu alumnado.