O Concello repara de emerxencia o ximnasio do colexio de Barcelos pola aparición de fendas 

26

Ao carón do centro estase a construír un novo edificio que xa foi inspeccionado e estúdase se puidera estar implicado coa situación do colexio. 

O Concello de Pontevedra actuará de emerxencia no colexio de Barcelos onde se teñen detectado fendas nas súas instalacións que obrigaron a pechar o ximnasio do centro. A situación estivo controlada en todo momento polas oficinas técnicas do Concello de Pontevedra e da Consellería de Educación, pero este momento o Concello optou por resolver o problema refacendo o ximnasio para que o alumnado poida volver a ter as clases de ximnasia.

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez explicou que as fendas apareceron “hai aproximadamente mes e medio polo que a propia dirección do centro adoptou a solución de deixar de utilizalo”. 

Neste tempo realizáronse visitas por parte das direccións técnicas do Concello e da Consellería para ver o estado do edificio, e sempre garantiron a seguridade da comunidade educativa do centro. Segundo as explicacións técnicas, este tipo de fendas prodúcense porque hai movementos no terreo que fan que o edificio se asente. “De feito, cando se constrúe un edificio novo que ten que asentarse pódese producir algún incidente deste tipo”, indicaba Demetrio Gómez.

No predio do lado estase a construír un edificio que tamén foi inspeccionado para determinar se ten algún tipo de implicación coa situación do colexio. Na obra estase a levantar un muro contra o solar do centro.

Na actualidade está pechado o ximnasio, a sala de profesores e a entrada pola rúa Rouco por onde entran as crianzas de Educación infantil, que agora acceden pola porta principal. Segundo o concelleiro as fendas aumentaron nos últimos días polo que o Concello, que tiña acordado intervir no edificio no parón escolar de Nadal, vai a cometer as obras de reforma do ximnasio de inmediato que consistirán en tirar abaixo as paredes e levantar o chan e volver a facelo.

Tamén se vai xirar visita á obra do edificio para ver as condicións do muro que se está a construír e revisarase a concesión da licenza para ver que se adapta aos traballos que se realizan naquel predio.

“O primeiro que quero sinalar é que nin as crianzas, nin ninguna outra persoa da comunidade educativa corre ningún perigo. Falei esta mañá tanto coa dirección como coa presidenta da FAMPA e comuniqueilles que os servizos técnicos municipais informan de que non existe ningún perigo para a utilización do edificio”, tranquilizaba o concelleiro.