O Gafos estrea conexión co paseo de Josefina Arruti baixo a ponte da avenida da Estación 

46

O alcalde e o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda visitaron a nova pasarela que prolonga a senda urbana até o paseo de Josefina Arruti.

Proximamente, o Gafos someterase a unha intervención para mellorar a iluminación, as paredes de pedra da canle, as pasarelas de madeira e as pontes. 

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá a nova pasarela peonil habilitada no paseo do Gafos, baixo a avenida da Estación. En compañía do concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, o alcalde comprobou o remate das obras e a posta a disposición da pasarela que une a senda do Gafos co paseo de Josefina Arruti, a través da conexión que se fixo coa reforma da estación de autobuses.

O alcalde lembrou que este tramo que une a senda co paseo de Josefina Arruti non se chegou a abrir ao público porque estivo ocupado por unha persoa que lle plantou lume e obrigou a cambiar un bo tramo da pasarela baixo a ponte da avenida da Estación. De feito, o incendio afectou ás táboas, vigas e ao taboleiro da pasarela que foi retirada na súa integridade e foi substituído por pezas novas.

A continuidade do paseo do Gafos cara a estación e a avenida Josefina Arruti estaba incluíuse no convenio asinado entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia para a reforma da estación de autobuses. Foi unha obra que permitiu destapar e renaturalizar este tramo do Gafos cun investimento que superou os 325.000 euros.

Proximamente -unha vez que baixe o caudal do río- refaranse algúns tramos de pedra da canle xa que as riadas destas pasadas semanas agudizou, aínda máis, estes desprendementos do río nalgúns tramos.

Ademais, está previsto reparar todas as pasarelas de unen as dúas partes do río e executarase a reparación e substitución de toda a iluminación.

Entre outras melloras, tamén está incluída a reparación das sendas de xabre unha vez que pase o inverno.

O alcalde explicou que « tal vez houbo certa falta de actuación neste tramo do Gafos » debido a que se centraron os esforzos na inseguridade do tramo cuberto. Por iso, anunciou que as intervencións planificadas na senda urbana do Gafos, na parte descuberta entre Josefina Arruti e Campolongo, pretenden que todos os veciños e veciñas de Pontevedra poidan gozar dela.