Pontevedra celebrará o Día de Rosalía de Castro lendo a súa obra de xeito colectivo 

51
Desde a área de Normalización Lingüística e en colaboración coa AELG, realizarase un acto no local social do Gorgullón, conducido pola poeta Miriam Ferradáns e ambientado polo colectivo artístico O Fruto e a serpe
Todo aquela persoa que queira participar pode facelo remitindo unha solicitude ao correo da nomeada área municipal: normalizacionlinguistica@pontevedra.eu

O vindeiro venres, 23 de febreiro, o Concello de Pontevedra ten preparada unha programación oficial co gallo da celebración do Día de Rosalía de Castro, en colaboración coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. 

Símbolo do país, Rosalía continúa a ser un icona pop dentro do século XXI, a artista máis internacional e referenciada dentro da cultura galega, o que permite albiscar a importancia da súa figura e a necesidade de continuar a reivindicación da mesma.

O acto principal do Día de Rosalía sucederá ás 20 horas no centro social do Gorgullón, espazo que acollerá a lectura de textos de Cantares gallegos e Follas novas. Trátase dun acto aberto a toda a cidadanía, no que pode participar de xeito directo. Será conducido por Miriam Ferradáns, que tamén lerá o manifesto de AELG nesta data tan sinalada. Doutra banda, o colectivo artístico O Fruto e a serpe encargarase da ambientación do acto.

Para participar na lectura de textos é preciso enviar un correo electrónico a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu, indicando o nome completo da persoa que vai ler, se representa algún colectivo ou asociación e o texto escollido.

Desde a área de Normalización Lingüística, sinalan que a homenaxe centra nos textos rosalianos escritos en galego, para destacar o papel da autora na reivindicación do uso da lingua galega nunha época en que publicar en galego e sendo muller era un acto revolucionario. Ademais, a súa escrita pioneira abriu o camiño á literatura galega moderna.