Lores establece un reinicio na relación do Concello con Costas que dá paso a «unha novo tempo de traballo conxunto» 

39
O rexedor repasou polo miúdo a entrevista mantida este mércores coa vicepresidenta e ministra Teresa Ribera, dando conta de distintos temas como a continuidade do vial de Mollavao, a finalización da concesión da gasoliñeira de Domingo Fontán ou a desafectación dos terreos na contorna da Escola de Adultos 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da xuntanza de traballo mantida coa vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, na cidade de Madrid, este pasado mércores.

Se ben o rexedor da remitiu unha primeira valoración da reunión no mesmo día da entrevista, este xoves quixo repasar polo miúdo os temas tratados na mesma. Lembrou que na xuntanza estivo tamén a directora xeral da Costa e do Mar, Ana María Oñoro, e que transcurriu con total normalidade desde o primeiro minuto, amosando un interese mutuo na recuperación dos distintos terreos marítimo-terrestres do municipio. 

«Os asuntos a tratar eran moitos e acometer as análises de cada punto era complicado, por iso a directora xeral virá a Pontevedra para coñecer in situ os distintos proxectos e propostas que están pendentes de Costas», indicou o alcalde. 

Porén, o rexedor puido xa confirmar en Madrid que nun breve espazo de tempo, en relación co proxecto de creación do vial de Mollavao, será remitida a conceción dos terreos para executalo. Ademais, tamén se informou de que a gasoliñeira e o transformador de Fenosa na rúa Domingo Fontán teñen rematada a súa concesión, polo que, aínda que nestre intre debe haber algún recurso por parte de Repsol que está a ser estudado, o uso destes espazos debería quedar pronto finalizado.

«Outra das cosas que nos dixeron é que a contorna da Escola de Adultos e do CEIP Vidal Portela, está xa desafectado, xunto co pavillón da Universidade e algún vial máis próximo, e será transfirido a Facenda», informou Lores. «Non se pode desafectar un terreo e que non haxa unha administración propietaria do mesmo. Sexa como for, esta zona pasará a non depender de Costas».

O alcalde agarda afondar en todos os asuntos pendentes na reunión que terá lugar na Boa Vila e que se poida seguir avanzando neste sentido, na senda da recuperación de distintos espazos. Lores explicou a súa satisfacción por todo isto, e adiantou que as intencións do Concello de Pontevedra «é partir de cero» no referido as relacións e proxectos con Costas. «Queremos que todo se resolva dunha maneira razoábel. A vontade, tanto do Concello como de Costas, é a de resolver todo o antes posíbel. Na reunión que está por vir é a que decidirá distintas cuestións e intervencións, pero está claro que estamos nun tempo novo na que falaremos do paseo a Marín, da ensenada do Ulló, Ponte Sampaio…».

«Estou realmente contento porque sentamos a falar cunha actitude totalmente diferente, construtiva, operativa, e a miña idea é conseguir para a cidade de Pontevedra todo o que sexa posíbel con todas as administracións. Estamos nun tempo novo no que queremos traballar de xeito conxunto», finalizou.