Pontevedra funcionará como epicentro da economía ecolóxica no mes de xuño cos dous congresos máis importantes no mundo sobre esta materia 

35
Os principais nomes deste campo participarán nos diferentes relatorios previstos a través de dous congresos irmáns como son a 10ª International Degrowth Conference e a 15ª Conference of the European Society for Ecological Economic 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira Anabel Gulías, participou esta mañá de mércores na presentación da 10ª International Degrowth Conference e da 15ª Conference of the European Society for Ecological Economics. Estivo tamén presente Mario Pansera e parte da súa equipa, responsábel da organización deste evento dobre.

A edil Anabel Gulías quixo na súa intervención agradecer a selección de Pontevedra como sede para estas dúas conferencias que se celebrarán no mes de xuño en Pontevedra (entre os días 18 e 21). «Sabemos do enorme labor que están a facer o doutor Pansera e a súa equipoa para poñer en marcha todo isto e achegar uns congresos destas características, poñéndonos no mesmo camiño que outras cidades europeas que xa acolleron estas citas como Roma ou Budapest», indicou.

«Moitas veces cando falamos de investigación e innovación semellan ser temas afastados, lonxe da nosa realidade, mais é xusto recoñecer que en Pontevedra, no mesmo campus da cidade, existe un grupo de investigación formado por preto de 15 investigadores e investigadoras internacionais que son quen de captar recursos públicos para mellorar as sociedades a través das sús investigacións», explicou Gulías. «Hai xa tempo que quixemos abrir unha senda na Boa Vila para que esta fose fogar de eventos internacionais relevantes, e coido que estamos a cumprir con moi boa nota o que nos propuxemos. Hai un par de anos tivemos a Placemaking Week, pensando as cidades do futuro, e agora teremos outro número moi importante de investigadores pensando e imaxinando as sociedades que están por vir».

Pola súa banda, Mario Pansera indicou que os dous eventos funcionan como citas irmás, xuntando «a élite da economía ecolóxica a nivel mundial». «Imos contar cun programa científico e un non-científico ou non académico, que estará conectado co centro da cidade. Falamos dun evento dividido en dúas partes, mañá (no campus) e tarde (na cidade)», explicou o investigador. «Teremos noves de importancia internacional, fundadores do pensamento da economía ecolóxica».

Así, a Boa Vila funcionará como a capital ou epicentro europeo do decrecemento neste ano 2024. Mais… que é o chamado decrecemento ou poscrecemento? Trátase dun termo utilizado no tanto no eido político, económico e social como para un conxunto de teorías que baten co paradigma do crecemento económico.  O decrecemento sostible é a transición a unha economía máis pequena con menos produción e consumo, compatible coa preservación dos recursos naturais, que entende e albisca que o crecemento non é nin pode ser infinito. Deste xeito, déixase de ver o PIB  PIB (produción total de bens e servizos dunha economía) como o único factor válido á hora de entender o crecemento dunha sociedade, para ter en conta outros factores, como a calidade de vida, ou os índices de igualdade social.

«Efectivamente, o decrecemento asusta un chisco, pero facer unha transición ecolóxica e recoñecer que o crecemento non pode ser infinito e que temos que adaptarnos, ao tempo que podemos ter unha altísima calidad de vida sen agotar todos os recursos do planeta nin moito menos, é absolutamente razonable», explicou o alcalde.

Durante a semana da conferencia chegarán a Pontevedra persoas de numerosos países, e que dende a organización do evento estase a poñer en marcha unha iniciativa de acollida de participantes, para aqueles que viven en Pontevedra ou arredores animen a abrir as portas das súas casas e ofrecerlles aloxamento. As persoas anfitrioas contarán con inscrición gratuíta para asistir a todas as actividades do evento. Toda a información a este respecto, pode ser consultada aquí.

O programa completo, así como toda a información dispoñíbel, pode ser consultado na páxina web oficial da cita.