Mañá comeza o acondicionamento dun estacionamento en superficie entre as rúas Alemaña e Eirín de Monte Porreiro

42

Trátase dunha parcela municipal que non está reordenada, polo que os vehículos acceden por riba da beirarrúa, incluso, polo paso de peóns. Botarase xabre, canalizaranse as augas pluviais, protexerase a beirarrúa e, finalmente, asfaltarase a rúa Eirín.

A mellora deste espazo continúa, logo dos recentes traballos de poda das árbores das rúas do barrio; e mantén aberta a liña de colaboración da asociación de veciños cos concelleiros Alberto Oubiña -delegado do barrio- e Xaquín Moreda, responsable dos Servizos urbanos básicos.

O Concello de Pontevedra continúa adiante coa mellora no barrio de Monte Porreiro da man da Asociación de veciños O Miradoiro. O concelleiro delegado do barrio, Alberto Oubiña, xunto á Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, deron orde de iniciar o luns o acondicionamento dunha parcela municipal que se emprega como estacionamento en superficie entre as rúas Alemaña e Eirín (ao carón do Acuña). 

Trátase dun espazo municipal que se utiliza como aparcamento de balde en superficie. Na actualidade os vehículos aparcan entrando e saíndo por distintos sitos da beirarrúa, e incluso por riba do paso de peóns. Este tránsito indiscriminado causou que toda a zona estea en mal estado. 

Unha das peticións da asociación de veciños foi mellorar esta parcela, polo que o Concello empeza o luns a traballar nela mellorando a zona de estacionamento con xabre que se compactará, e facendo unha canalización de augas pluviais para evitar as escorras actuais

Farase unha entrada e saída únicas ao estacionamento protexendo o resto da beirarrúa cun bordo que permita que os vehículos non accedan a este terreo por outras zonas.

Finalmente, e xa cara o mes de abril, está previsto o asfaltado de toda a rúa Eirín, incluída dentro do plan de asfaltados do ámbito urbano que o Concello iniciará nesas datas.