O Concello activa mañá unha canle directa de información xeral sobre os recursos dos Servizos sociais municipais

92

É un programa piloto que pon en marcha a Concellaría de Benestar Social e que está formado por un número de teléfono directo e un enderezo electrónico para dar información e asesoramento no eido social.

A Concellaría aclara que este teléfono non dá citas nin abre expedientes administrativos de intervencións particulares.

A Concellaría de Benestar Social, que xestiona Anabel Gulías activa, a partir de mañá, 4 de marzo, unha canle directa de información xeral para todos os vecinos e veciñas de Pontevedra que precisen facer consulta nos servizos sociais. Trátase dun programa piloto de información e asesoramento rápido sen ter que solicitar cita no departamento de servizos sociais.

Dende mañá estará activado o teléfono de información xeral do eido social: 986 84 83 34. Estará operativo de luns a venres en horario de 09.00 a 13.00 horas, agás os festivos. Ademais, tamén se habilita un enderezo electrónico para o mesmo fin: informacionsocial@pontevedra.eu

« Trátase dun programa piloto co que pretendemos mellorar a atención dos usuarios e usuarias » sinala a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quen engade que « este teléfono será un primeiro contacto para pedir información e asesoramento, o que nos vai permitir optimizar moitísimo o traballo e camiñar cara a unha mellor atención ».

Desde a Concellería de Benestar Social aclárase que este servizo de información non dá citas e non abre expedientes de actuación. O seu labor é informativo e orientador dos pasos a seguir para solicitar a axuda que poidan precisar os/as que chamen ou, de ser o caso, derivar cara unha atención persoalizada.

Dependencia, coidados de maiores, asistencia de menores e apoio familiar, inclusión, violencia de xénero, axudas de emerxencia… son cuestións que abordan, no día a día, as/os profesionais da área de Benestar Social e que falan da complexidade dun traballo destinado a preservar a dignidade e calidade de vida das persoas.

Unha posterior análise do contido das chamadas e correos recibidos  que permitirá á área de servizos sociais municipal cuantificar, entre outros parámetros, os escenarios máis repetidos que levan aos veciños e veciñas do municipio a solicitar axuda social ou os recursos máis demandados. Avaliados os datos, apunta a concelleira Anabel Gulías, « poderemos establecer mecanismos para mellorar e axilizar o traballo dos servizos ».