Pontevedra porá en marcha o seu Consello da Infancia en setembro 

116
Trátase dun foro de crianzas, formado por nenos de entre 9 e 10 anos, que ofrecerán a súa opinión sobre a cidade ademais de propostas para mellorala
A creación deste tipo de consellos, que están en activo en diversas cidades do mundo, parte da idea do pedagogo Francesco Tonucci, ao sinalar que unha cidade mellor para as crianzas é unha cidade mellor para todas as persoas que forman parte da mesma
O Salón do Libro acollerá a proba piloto do mesmo, para logo estudar e avaliar os seguintes pasos até a creación oficial do foro infantil 

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, presentou esta mañá un novo proxecto participativo na cidade, que fon o foco sobre as crianzas e as súas propostas. O Consello da Infancia de Pontevedra parte da base ideada polo pedagogo Francesco Tonucci, ao sinalar que unha cidade mellor para os nenos e as nenas será moi probablemente tamén unha cidade mellor para todos e todas e en especial para os sectores desfavorecidos.

A creación deste Consello procura formar parte do conxunto de iniciativas de participación cidadá que abre procesos complementarios aos convencionais. Esta participación infantil terá como marco de actuación a Convención dos Dereitos do Neno (CDN) que recoñece o dereito da infancia á liberdade de expresión, información e asociación, a ser escoitada e a participar na vida social, entendéndose como un proceso educativo que debe permitir ás nenas e aos nenos reflexionar críticamente, expresar opinións e propostas, reivindicar dereitos e melloras sociais, dialogar e chegar a acordos, elexir e ser elexidos representantes ou involucrarse activamente en iniciativas.

Gómez indicou que o nomeado pedagogo italiano amosou verdadeiro interese en que esta actividade se faga na Boa Vila, e que na práctica suporá poñer en marcha «un foro da infancia onde as crianzas, as nenas e os nenos, darán a súa opinión sobre a cidade». «Parécenos un proceso moi interesante, mais tamén un proceso complexo que hai que por en marcha con coidado para que funcione para que vaia cara adiante e sexa unha experiencia enriquecedora tanto para os participantes como para o municipio», indicou o edil.

Así, como paso previo a creación oficial deste Consello da Infancia, que marca no calendario o mes de setembro como data para o seu nacemento, o Salón do Libro acollerá nesta fin de semana unha sesión de proba e toma de contacto dirixida polo colectivo pontevedrés Taller Abierto (África Martínez e Ana Barreiro). «Queremos que sexa unha experiencia piloto que unha vez remate poidamos estudar e avaliar, e apartir daí definir os seguintes pasos a dar para que o foro da infancia de Pontevedra se poña en marcha», explicou Gómez.

Pola súa banda, África Martínez indicou que o Consello da Cultura procurará e incidirá na importancia da participación, transmitíndolles aos nenos e nenas participantes que é participar, que é opinar e que se deben respectar as ideas dos demais, e que moitas decisións adoptadas no mundo xorden das maiorías, e non do individuo.

O proceso exprés e piloto do Salón realizarase ao redor do espazo. As crianzas farán propostas para espazos do Salón e da contorna do mesmo, espazos dos que teñen referencia e coñecen ben.  «Ao final, o Consello da Infancia pode ser un órgano democrático no que participan crianzas de todos os colexios de Pontevedra, representando diversas realidades», sinalou. 

Os nenos e nenas que participarán no Consello da Infancia serán escollidos por sorteo chegado o día, entre todos os que estean interesados en participar. No caso da proba piloto de Salón, as crianzas poden apuntarse como a calquera outra actividade que se realiza estes días no Pazo da Cultura, entrando na web oficial do Salón e seguindo os pasos alí indicados. Os obradoiros serán os días 8, 9 e 10 de marzo, baixo o título ‘Contas Moito!’. É posíbel mandar un correo electrónico a info@tallerabierto.gal para reservar praza neste caso.

Xa está habilitado un formulario na páxina oficial do Concello de Pontevedra, no que as crianzas poden ser inscritas de cara a formación dese Consello da Infancia.

Polo miúdo, os obxectivos e as funcións do Consello son as seguintes:

Obxectivos 

– Crear un espazo de encontro, favorecendo a aceptación da diferenza entre iguais.

– Favorecer a responsabilidade, autonomía, autoestima e desenvolvemento dun autoconcepto positivo a través da capacidade de autoxestionarse na toma de decisións.

– Facilitar á infancia tanto espazos como ferramentas para aprender e experimentar procesos participativos na súa cidade (experiencias relacionais, non virtuais)

– Traballar desde un enfoque de dereitos da infancia como punto de partida para aumentar a participación infantil.

– Situar no centro aos nenos e nenas de Pontevedra para aumentar o seu propio interese pola participación e favorecer procesos de aprendizaxe e transformación individual/colectiva en base as súas necesidades.

– Traballar desde unha perspectiva de xénero e diversidade.

– Formación en ODS adaptado a idade evolutiva.

Funcións

– Difundir as inquedanzas e intereses da infancia de Pontevedra.

– Propoñer iniciativas para promover os dereitos da infancia ou atender outras necesidades deste sector de poboación.

– Colaborar co Concello actuando como canle de comunicación das opinións de nenos e nenas, sen prexuízo dos procedementos de consulta directa que estos poidan levar a cabo.

– Ser consultado e opinar respecto dos proxectos normativos, plans e programas do Concello que afecten á infancia e, en particular, respecto do Plan Estratéxico Local da  Infancia.