O Concello reforza a iluminación en 24 pasos de peóns de Campolongo 

5

O novo sistema centra a iluminación nos peóns e intensifica a luminancia ante a súa presenza. Tamén dispón dun sistema de balizamento intermitente para chamar a atención aos vehículos. 

O Concello de Pontevedra vén de instalar un reforzo lumínico en 24 pasos de peóns no barrio de Campolongo. O novo sistema foi comprobado onte polo concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda na rúa María Victoria Moreno onde están instaladas as novas luminarias ao igual que en praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Xeneral Antelo Rubín e Eduardo Branco Amor.

Son en total 48 sistemas de reforzo lumínico co sistema VIAK contan con tecnoloxía optoelectrónica LED que axuda a eliminar as situacións de alto risco viario grazas á súa capacidade para dirixir o fluxo emitido cara a onde é realmente necesario, no plano vertical. A luz incide na totalidade do corpo do peón, tanto ao longo da zona de espera como no cebrado. Permitindo aos condutores detectar o paso de peóns a grandes distancias. 

Outra clave no recoñecemento anticipado dos viandantes polo tráfico rodado é o sensor de infravermellos. Conectado mediante unha rede de nodos Wireless, este dispositivo dá a orde de intensificar a luminancia vertical a ambos os dous lados da calzada ante a presenza de peóns. 

Por outra banda, Traffic Pulse, o sistema de balizamento intermitente integrado na columna, facilita a percepción dos pasos en situacións de dobre fila, onde o risco de atropelo multiplícase debido á obstrución do ángulo de visión por parte de vehículos mal estacionados. Este sistema de balizamento modifica o seu modo de funcionamento para chamar a atención dos vehículos cando o sensor detecta a presenza de peóns, imitando a frecuencia das luces das ambulancias e vehículos de emerxencia.