O Concello arranxa outro estacionamento en Monte Porreiro e mellora os itinerarios peonís na rúa Portugal 

75

O concelleiro Alberto Oubiña ordenou esta semana iniciar a mellora dun estacionamento na rúa Portugal, canalizar un manancial de auga da parcela e mellorar a accesibilidade peonil na rúa elevando a beirarrúa no acceso ao aparcadoiro.

Esta actuación súmase á mellora do estacionamento da rúa Alemaña que se poderá abrir nos vindeiros días, se o tempo acompaña para rematar os traballos. 

O Concello continúa coa mellora de Monte Porreiro en coordinación coa Asociación de veciños O Mirador. O concelleiro Alberto Oubiña, delegado do barrio, ordenou esta semana a mellora dunha parcela pública localizada na rúa Portugal (á altura do número 43) e adicada á estacionamento, así como a mellora do itinerario peonil da zona.

Alberto Oubiña organiza estas actuacións en colaboración co departamento de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, que mantén, cando menos, un equipo operativo no barrio para ir mellorando os espazos públicos.

O acondicionamento, que comezou esta semana e rematará nos vindeiros días se o tempo acompaña, consiste na limpeza de toda a parcela do aparcadoiro e na canalización de augas. Nesta parcela existe un manancial sen canalizar que desemboca na rúa Portugal, que sumado á chuvia dos últimos meses causa empozamentos e que as augas decorran libremente pola rúa, que está permanentemente mollada. 

A canalización instalarase na propia parcela e conectarase á condución de pluviais do barrio. 

Ao mesmo tempo, tamén se fai un acceso de formigón ao estacionamento elevando a rúa e resolvendo problemas de accesibilidade, xa que se teñen presentado problemas para a veciñanza do lugar para poder circular con cadeiras de rodas ou carriños de bebés.

A mellora deste espazo súmase á recuperación da parcela da rúa Alemaña (situada ao carón do Acuña) empregada como estacionamento. As obras están moi avanzadas e podería abrirse nos vindeiros días se o tempo permite rematar.

Estes dous estacionamentos, un na arteira central do barrio, atópanse a escasos 200 metros polo que resultan de moita utilidade para a mobilidade a motor no barrio.