O Servizo de Infraestruturas Culturais traballa no replantexamento dos espazos destinados a persoas con mobilidade reducida no Pazo da Cultura e Teatro Principal

18


A medida adoptada de xeito provisional mentres non se executa a reforma necesaria, ofrecerá xa a posibilidade de que estas persoas acudan  acompañadas aos espectáculos que inicien a venda de entradas a partir de agora no Pazo da Cultura,

O espectáculo de danza contemporánea e flamenco ‘Mariana’ de La Phármaco, que terá lugar o 12 de abril ás 20.30h no Pazo, ten xa activa a venda de entradas con esta novidade.


O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez traballa a través do Servizo de Infraestruturas Culturais, responsable do Pazo da Cultura e Teatro Principal, na reestruturación ou creación de espazos para cadeiras de rodas que permitan ás persoas con mobilidade reducida gozar da programación acompañadas. Para a implementación deste novo servizo, será preciso modificar a estrutura actual e é probable que a execución se demore uns meses. Mentres, e de xeito provisional, os espectáculos que activen a venda a partir de agora no Pazo da Cultura, permitirán o acceso de 3 cadeiras de rodas con acompañante ubicado diante e unha cuarta que tería acompañante ao lado.

O primeiro espectáculo en gozar desta mellora será ‘Mariana’ de La Phármaco o vindeiro 12 de abril ás 20.30h. no Pazo da Cultura. As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de 8€+ gastos (reducido a 4€+ gastos para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos).

Mariana é unha obra onde o flamenco primitivo e a danza contemporánea lánzanse á area, como animais de especies distintas que comparten a celebración e a miseria. Como nos cantes de besana, de arar ou nas marianas (cantes primitivos flamencos que aparecen na obra) os homes do campo protexen, precisan e maltratan ao mesmo tempo os seus animais femia: eguas, mulas, cabras. Luz Arcas recrea de forma libre a potencia do animal, vestida cos apeiros propios dos animais de carga e exhibición andaluces, e o espazo sonoro viaxa polos cantes jondos camperos, as cornetas das festas populares e as percusións experimentais.

O cante de Bonela Hijo, a guitarra de Bonela Chico, as palmas e zapateados de Carmen Riós, a corneta de Abraham Romero e a percusión de Carlos González alentan e animan a forza produtiva e o corpo de Arcas recrea de forma libre a potencia do animal.